Skip to main content

Carlos Salgado e Manuel Bermejo Patiño, premios Lois Peña Novo 2019

De esquerda a dereita, Manuel Bermejo, Paz Filgueira e Abraham Gallas en representación de Carlos Salgado.
De esquerda a dereita, Manuel Bermejo, Paz Filgueira e Abraham Gallas en representación de Carlos Salgado.
Estes premios destacan dende hai 25 anos a traxectoria vital e profesional de persoas que empregan o galego na contorna das administracións públicas
Lugo, Santiago de Compostela

O director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), o profesor Carlos Salgado, e o profesor emérito Manuel Bermejo Patiño veñen recibir o Premio Lois Peña Novo 2019 en recoñecemento ao seu compromiso permanente coa lingua galega na súa actividade investigadora e docente. Os premios que outorga a Fundación Lois Peña Novo destacan dende hai 25 anos a traxectoria vital e profesional de persoas que empregan o galego na contorna das administracións públicas. Ademais dos dous docentes da USC, nesta edición tamén resultou premiada a maxistrada Paz Filgueira Paz.

Nesta edición, o profesor Carlos Salgado recibiu o Premio “pola súa coherencia, entrega e compromiso coa lingua galega na súa actividade docente, altamente especializada, que o sitúan entre os mellores científicos no seu campo nacional e internacionalmente”. Pola súa banda, de Manuel Bermejo Patino o xurado valorou a súa “coherencia na utilización da lingua galega durante toda a súa vida académica e investigadora promovendo e implantando o galego en ámbitos universitarios nos que ocupou cargos de responsabilidade e no exercicio da docencia deixando unha fonda semente de galeguidade por onde pasou”.

Nos discursos de agradecemento D. Manuel Bermejo reivindicou a necesidade de achegar a ciencia á sociedade, concretamente á química, materia na desenvolveu a súa traxectoria profesional, recordando aos presentes que “estamos conformados por unha ampla porcentaxe de substancias químicas que manexan a nosa vida e nos conforman como persoas”. Reivindicou o uso da lingua galega no ámbito docente universitario recalcando que unha actitude persoal favorable é necesaria para conseguilo e reivindicou a amizade como eixo fundamental do ser humano.

Carlos Salgado, ausente por atoparse no estranxeiro, estivo representado no acto polo subdirector do IGFAE, o tamén profesor Abraham Gallas, quen deu lectura ás palabras do premiado destacando que recollía un premio “á normalidade, á visibilización da normalidade, á visibilización de que se pode ser científico sen renunciar a ser galego fóra tamén do ámbito persoal e familiar” e recordando que os premios son fundamentais para dar visibilidade e recoñecemento dentro do ámbito investigador.

O acto de entrega estivo presidido pola titular da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva Rego; e contou coa participación do director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; do alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera Ocampo; do presidente da Fundación Lois Peña Novo, Xosé González Martínez; e da catedrática de Dereito da USC, Alba Nogueira, premiada en 2011.

Imaxe recente de Carlos Salgado

The contents of this page were updated on 01.02.2020.