Skip to main content

Botou a andar a nova edición do Máster en Atención Temperá

A XI edición do Máster en Avaliación e Intervención en Atención Temperá botou a andar este venres na Facultade de Psicoloxía cunha conferencia sobre o papel da Atención Temperá durante o século XXI a cargo da directora do Máster e profesora da USC, María José Buceta. Durante os vindeiros meses, profesionais da Medicina, Psicoloxía, Educación Social e Maxisterio recibirán formación especializada nesta materia incluíndo -por primeira vez nos dez anos de historia do Máster- materias xurídicas para coñecer o papel dos menores no Dereito Civil ou técnicas de educación para a morte en oncoloxía infantil. O máster -organizado polo Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación- tamén formará sobre as especificidades dos nenos prematuros e as diferentes técnicas para tratar situacións de acoso escolar ou maltrato infantil, ademais das diferentes técnicas de intervención en menores que presentan trastornos físicos ou mentais (como síndrome de Down, autismo o algún síndrome minoritario ou enfermidade rara). Prácticas en centros específicos O anteriormente denominado Máster de Intervención nos Trastornos do Desenvolvemento e Atención Temperá pasou a chamarse este ano Máster en Avaliación e Intervención en Atención Temperá, unha modificación que supuxo tamén un programa docente modificado e persoal máis interdisciplinar. O equipo docente está composto por un grupo interdisciplinar especializado en Medicina Forense, Neuropediatría, Medicina Preventiva Dereito, Paidosiquiatría, Pedagoxía, Xinecoloxia, Xenética, Psicoloxía ou Pediatría. O alumnado realizará prácticas en centros específicos de atención temperá, como na Unidade de Atención Temperá da USC, en centros do Sergas, concellos, escolas infantís e no Hospital Central de Asturias. Inauguración oficial en febreiro Aínda que as clases xa comezaron, está previsto que o curso se inaugure oficialmente en febreiro. Ademais, a directora do Máster presentará proximamente en Canadá o funcionamento da Unidade de Atención Temperá da USC, concretamente na 12th International Conference on Diversity in Organisations, Communities and Nations.

The contents of this page were updated on 01.16.2012.