Unha tese defendida na EPS aconsella revisar a lexislación forestal dos parques nacionais mexicanos

A profesora do Instituto de Biotecnoloxía e Ecoloxía Aplicada da Universidade Veracruzana (México) María del Rosario Pineda López acadou este venres en Lugo a cualificación sobresaliente cum laude pola súa tese de doutoramento na que aconsella facer unha revisión profunda da lexislación forestal en materia dos parques nacionais mexicanos. “Non só se debe recoñecer a presenza de asentamentos humanos neste tipo de territorios, senón que é necesario ofrecerlles alternativas que garantan a conservación dos bosques, contribuíndo así á mitigación do cambio climático”, dixo.
O traballo defendido, dirixido polo profesor Alberto Rojo, leva por título 'O cambio climático como escenario na xestión dos recursos forestais: Cambio no uso do solo, almacenes de carbono, e as accións de mitigación nunha comunidade do Parque Nacional Cofre de Perote, Veracruz, México', emprazado na zona centro do Estado de Veracruz, e considerado unha das sesenta montañas prioritarias do país.
Na investigación abordou o estudo do cambio climático a partir de tres perspectivas: o uso do solo, os almacenes de carbono nun bosque de Abies religiosa e actividades de mitigación, esta última relacionada coas podas de conservación e elaboración de Produtos Forestais Non Madeirables elaborados cos residuos de poda polo Comité de Mulleres Unidas para a Conservación de Bosques de Ejido El Conejo.
Á vista do estudado, Rosario Pineda propón crear corredores de reforestación entre fragmentos do bosque a partir de plántulas que poden ser extraídas do bosque natural, favorecendo así a conectividade. Ademais, aconsella enfocar os esforzos da reforestación en áreas de matorrais, que teñen unha alta probabilidade de aumentar a fronteira do bosque en primeira instancia, ademais de que representan un alto potencial como sumidoiros de carbono.
Así mesmo, advirte da necesidade de determinar a distribución potencial da especie Abies religiosa fronte a escenarios climáticos proxectados a futuro e integrar a perspectiva de xénero na conservación dos recursos naturais.