Skip to main content

Industria e matemática estudan novas sinerxías na USC

Industria e matemática estudan novas sinerxías na USC
Industria e matemática estudan novas sinerxías na USC

A Facultade de Matemáticas acolle estes días a cuarta edición das Xornadas de Consulta Matemática para Empresas e Institucións, organizadas por persoal investigador das tres universidades galegas baixo o patrocinio do proxecto Consolider Ingenio Mathematica e como iniciativa da Rede Española Matemática-Industria.

Unha trintena de especialistas das ramas de matemática aplicada e estatística e investigación operativa reúnense na USC para debater sobre como fomentar a transferencia matemática cara á industria buscando activamente proxectos de investigación e desenvolvemento onde a Matemática teña unha especial relevancia. Ademais, trátase de intensificar a I+D entre os grupos de investigación do proxecto Mathematica e os das industrias en problemas susceptibles de ser tratados con métodos matemáticos, estatísticos ou computacionais.

Durante a primeira sesión as empresas convidadas, 2 Mares Demil, Teaxul e Vasco Gallega de Consignaciones, consultarán problemas xurdidos no seu sector de actividade e que son susceptibles de ser tratados mediante métodos matemáticos, estatísticos e numéricos. Ao longo das seguintes sesións traballarase conxuntamente para encontrar unha solución aos problemas formulados.

A apertura do evento tivo lugar este luns nun acto presidido polo vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González García, e no que interviñeron ademais o director xeral de I+D+i da Xunta de Galicia, Ricardo Capilla Pueyo; a decana da Facultade de Matemáticas, María Victoria Otero Espinar; e a catedrática de Matemática Aplicada da USC Peregrina Quintela, coordinadora das xornadas.

The contents of this page were updated on 01.23.2012.