Skip to main content

Dez estudantes da USC, entre os cen mellores expedientes do exame MIR deste ano

Xunto con Valencia e Central de Barcelona, a USC sitúase no primeiro posto en resultados da proba MIR

A Facultade de Medicina da Universidade de Santiago acadou uns excelentes resultados na convocatoria deste ano do exame MIR de maneira que dez dos seus estudantes figuran entre os cen mellores expedientes. O centro compostelán sitúase así á par das Universidades de Valencia e a Central de Barcelona, con outros tantos alumnos neste ranking de honra. Este ano foron 218 os estudantes da USC que se presentaron á proba. Deles, a alumna Alba González Rodríguez rematou no posto número 13, o que lle facilitará en gran medida o acceso á formación de especialista que desexe en España. A ela, da USC séguenlle Sheila Torrado González no número 34, Elisa Pose Méndez no 40, Adrián Pablo Amado Gutiérrez (44), Sara Tato Varela (54), Uxía Blanco Sampedro (61), Guillermo Ventosa Fernández (64), Emilio Francisco Rodríguez Castro (71), Iria Alejandra López Dequidt (91) e Noelia Curros Mata (92). A Facultade compostelá de Medicina xa acadara uns excelente resultados en convocatorias anteriores do MIR, destacando recentemente a de 2010-11 na que seis dos seus estudantes figuraron entre os cen primeiros.

The contents of this page were updated on 02.28.2012.