Skip to main content

Estudantes da USC asistiron en Italia á segunda escola internacional da Rede Internacional de Doutoramento en Física de Partículas, Astrofísica e Cosmoloxía

Estudantes da USC asistiron en Italia á segunda escola internacional da Rede Internacional de Doutoramento en Física de Partículas, Astrofísica e Cosmoloxía
Estudantes da USC asistiron en Italia á segunda escola internacional da Rede Internacional de Doutoramento en Física de Partículas, Astrofísica e Cosmoloxía
A Universidade de Santiago acollerá en 2013 a terceira edición desta escola internacional

Seis estudantes do Máster en Física nuclear e de partículas e as súas aplicacións tecnolóxicas e médicas e do Programa de doutoramento en Física nuclear e de partículas da USC participaron na cidade italiana de Udine na segunda escola internacional da Rede Internacional de Doutoramento en Física de Partículas, Astrofísica e Cosmoloxía (IDPASC), da que forma parte a USC a través do programa de doutoramento do seu Departamento de Física de Partículas. Durante a súa estadía en Italia coñeceuse que a USC será a sede en 2013 da terceira edición desta Escola Internacional, cuxa organización correrá a cargo dos profesores da USC Carlos Merino e Máximo Pló. A rede, constituída en 2010 e da que é coordinador principal o profesor Mário Pimenta, do Laboratorio de Instrumentación e Física Experimental de Partículas e do Instituto Superior Técnico da Universidade Técnica de Lisboa, reúne a varias universidades portuguesas, españolas, italianas e francesas e ao CERN. O seu obxectivo é a preparación de científicos nas súas áreas de estudo promovendo programas conxuntos de formación e reforzando a mobilidade de estudantes, docentes e investigadores das distintas institucións participantes. A rede está avalada pola supervisión dun comité científico internacional que conta con especialistas de prestixio internacional e do que forma parte o profesor Carlos Pajares Vales, catedrático da USC e representante español no Comité Científico do CERN. Liliana Cunha Apolinário, Manoel Rodríguez Calvo, Carlos Naya Rodríguez, Manoel Rodríguez-Moldes Díaz, Álvaro Magaña Rodríguez e Guillermo Torralba Elipe cualificaron de moi satisfactoria a estadía, na que fixeron presentacións notables da súa actividade de formación e de investigación e superaron os exames escritos a que foron sometidos ao final da escola. Un programa intenso O programa da escola cubriu unha gran parte dos temas máis fundamentais e actuais da Física de Partículas, da Astrofísica, e da Cosmoloxía, con cursos dedicados á mecánica cuántica, á teoría de campos e o modelo Standard, aos detectores de partículas, aos raois Gamma en astrofísica, á relatividade xeral e gravitación, á física do Large Hadron Collider (LHC) do CERN e a física de sabores e á adquisición de datos, á física de neutrinos. Ademais, organizáronse clases adicionais sobre aspectos culturais interdisciplinarios entre a física e outras ramas do saber.

Os cursos impartíronos especialistas de prestixio internacional como as profesoras e profesores Cesare Barbieri, Sergio Bertolucci, Francisco Botella, Julián Chela Flores, Alessandro de Angelis, Francesco Fidecaro, Laura Maraschi, Jorge Romao, Fabio Sauli ou Ezio Torassa.

The contents of this page were updated on 02.17.2012.