Skip to main content

Investigadores de Zooloxía da USC estudan a incidencia do clima do pasado na diversidade biolóxica actual

Sapo de espuelas (Pelobates cultripes), do Parque Nacional de Doñana (Foto: Carola Gómez-Rodríguez)
Sapo de espuelas (Pelobates cultripes), do Parque Nacional de Doñana (Foto: Carola Gómez-Rodríguez)
Nun artigo publicado na revista científica PLoS ONE demostran que a diversidade global de anfibios está influída pola inestabilidade climática do pasado

Coñecer as causas da actual distribución da diversidade biolóxica é un asunto complexo debido á imposibilidade de realizar manipulacións experimentais a grande escala espazo-temporal. Esta dificultade outórgalle un valor engadido ao traballo do equipo de Andrés Baselga, investigador Parga Pondal do Departamento de Zooloxía da USC, e do doutor Jorge M. Lobo, do Museo Nacional de Ciencias Naturais (CSIC-Madrid), que acaban de publicar un artigo en PLoS ONE que pon de manifesto o efecto que o clima do pasado exerceu sobre os patróns actuais da diversidade de anfibios no ámbito mundial. Neste senso, o resultado principal do seu estudo apunta que os efectos da estabilidade ou inestabilidade do clima no pasado son evidentes hoxe en día no patrón mundial de diversidade de anfibios. Como sinala Andrés Baselga, eventos como as glaciacións –cuxo último máximo data de hai 21.000 anos- son factores fundamentais para explicar como se distribúe a diversidade. De aí que a investigación contribúa ao debate sobre se os factores climáticos actuais ou os históricos son os responsables da distribución actual da biodiversidade. A pesar das dificultades manifestas, coñécese desde hai tempo que o gradiente de diversidade de moitos grupos biolóxicos se correlaciona coa dispoñibilidade de enerxía e o clima actual. “ Desafortunadamente –matiza Baselga- o clima actual e o do pasado tamén están correlacionados”. É dicir, actualmente a temperatura diminúe desde o ecuador cara aos polos e esta diminución tamén ocorría no pasado, aínda que de maneira moito máis acusada nos períodos glaciares. Por iso “faise difícil discernir se a distribución actual da biodiversidade reflicte os profundos cambios climáticos experimentados polo noso planeta durante o último millón de anos ou se, principalmente, é consecuencia das restricións que agora impón o clima”, explica. Utilizando unha nova aproximación metodolóxica capaz de examinar a variación nos patróns de composición de especies, os autores mostran que existe un claro efecto das glaciacións do Pleistoceno sobre os estándares de diversidade actuais que non é atribuíble ás condicións climáticas actuais. Para logralo examinouse a relación entre a latitude e a inestabilidade climática (diferenza entre a temperatura actual e a de hai 21.000 anos) ata atopar que existe un punto de inflexión nesta relación (arredor dos 37º de latitude) que se corresponde co que aparece nos patróns de variación da composición dos anfibios mundiais. Durante o Pleistoceno gran parte do hemisferio norte estivo afectada polas glaciacións, de forma que a temperatura diminuíu drasticamente e o xeo cubría a inmensa maioría da superficie. Os investigadores mostran que nesa zona (en xeral por riba dos 37 graos de latitude) a fauna actual de anfibios caracterízase por unha perda secuencial de especies cara latitudes maiores. Isto indica que moitas especies non foron capaces de colonizar esas rexións despois de que os glaciares se retirasen, ben por limitacións de dispersión ou por limitacións fisiolóxicas (como a non adaptación ao frío). En cambio, sinalan os autores, nas rexións non afectadas polas glaciacións (latitudes menores de 37º) no existen esas perdas de especies secuenciais, observándose que unhas especies son substituídas por outras. O artigo leva por título Historical legacies in world amphibian diversity revealed by the turnover and nestedness components of beta diversity e está asinado ademais pola investigadora Carola Gómez-Rodríguez.

The contents of this page were updated on 02.24.2012.