Skip to main content

O grupo BORG impartirá na USC un curso sobre claves nas rehabilitacións estéticas con implantes

A Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC abrirá as súas portas ao grupo BORG (Barcelona Osseointegration Research Group) que impartirá na USC unha xornada dun día de duración o próximo 22 de xuño sobre ‘Claves nas rehabilitación estéticas con implantes’. Baixo a coordinación da profesora Mercedes Gallas dentro do acordo marco entre Biomet 3i e a USC, a xornada celebrarase no Salón de Actos Novoa Santos da facultade compostelá. As distintas sesións do encontro impartiranas os doutores Xavier Vela, Víctor Méndez e Xavier Rodríguez, integrantes fundadores de Borg, grupo centrado na investigación e divulgación dos implantes orais e as súas diversas aplicacións clínicas. O obxectivo desta iniciativa formativa é presentar dun modo simple e conciso os factores clave que fan predicibles as rehabilitación estéticas. O programa deseñado describirá como realizar a diagnose do paciente e o plan de tratamento, con especial fincapé nos factores que provocan a reabsorción ósea periimplantaria e como se poden modificar para conseguir unha estabilización óptima dos tecidos. O grupo Borg créase a comezos de 2005, cando catro doutores especializados en implantología oral estableceron un protocolo común cos seus propios resultados para demostrar que nos casos en que o diámetro do pilar era inferior ao diámetro do implante, a perda ósea era ostensiblemente menor. Dende entón ata a actualidade realizaron numerosas conferencias, nacionais e internacionais, ademais de elaborar estudos coas universidades de Barcelona, Murcia, New York, Kyoto ou Turín, entre outros. Tamén elaboraron e colaboraron en numerosas publicacións internacionais, incluíndo a súa participación no libro Peri-Implant Tissue Remodelling: Scientific Background and Clinical Implications publicado este mesmo ano. Máis información na web http://www.borgbcn.com/uploads/EBU191_BORG_Univ_S_%20Compostela.pdf.

The contents of this page were updated on 06.12.2012.