Skip to main content

A EPS de Lugo participa nun proxecto para a optimización da recollida do leite nas explotacións gandeiras galegas

As aplicacións informáticas derivadas do estudo permiten reducir as rutas e o tempo de recollida, así como aproveitar máis eficazmente a capacidade dos camións

Recentemente tivo lugar nas instalacións da cooperativa agraria Feiraco en Negreira (A Coruña) a reunión de finalización do proxecto ‘Loxislact: Sistema telemétrico e de xestión para a mellora da loxística da recollida de leite nas cooperativas agrarias’. Os traballos desenvolvidos para este estudo foron coordinados polo investigador da Escola Politécnica Superior da USC, Carlos Amiama Ares. Froito da investigación realizada desenvolvéronse diversas ferramentas informáticas de axuda á decisión, que lles permitirán ás cooperativas agrarias acadar unha maior eficiencia no complexo proceso de recollida do leite nas explotacións dos seus socios. Os aforros veñen derivados dunha mellora na xestión de rutas, que se traduce nunha redución dos quilómetros percorridos polos camións, a diminución dos tempos de recollida, un incremento da ocupación efectiva dos camións e na mellora da xestión da descargas na fábrica. Así mesmo desenvolvéronse sistemas para a localización da frota de vehículos e a estimación de tempos de chegada. Difusión dos resultados No proxecto participaron investigadores das tres universidades galegas, integrados nos grupos de investigación ‘Enerxía e mecanización forestal (GI-1720)’ e ‘Santiago Game Theory (SaGaTh)’. Feiraco serviu de planta piloto para a posta en marcha do proxecto, se ben o carácter transversal dos resultados garante a súa difusión ás cooperativas lácteas galegas a través do promotor do proxecto, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA). Para o mes de setembro está programada unha xornada de difusión dos resultados entre as máis de 40 cooperativas socias de AGACA que teñen o leite como actividade principal. Ao acto de peche do proxecto asistiron o director xeral de Feiraco, José Luis Antuña, o director-xerente da de AGACA, Higinio Mougán, e membros do equipo investigador participante no proxecto. Esta actuación foi financiada pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Economía e Industria, dentro das actuación do INCITE, e materialízase a través dun contrato entre a empresa beneficiaria, AGACA e a propia USC.

The contents of this page were updated on 06.12.2012.