Skip to main content

A profesora da USC Cristina Castillo Rodríguez entra a formar parte da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia

A profesora Cristina Castillo é a primeira muller de orixe galega en entrar a formar parte como académica numeraria da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia
A profesora Cristina Castillo é a primeira muller de orixe galega en entrar a formar parte como académica numeraria da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia
O discurso de toma de posesión da nova académica numeraria consistirá nunha aproximación veterinaria á escenografía do Quixote

A profesora do Departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria no Campus de Lugo Cristina Castillo Rodriguez foi designada recentemente membro numerario da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia. O acto de toma de posesión celebrarase o xoves 21 ás 18.00 horas na sede da institución no antigo hospital de San Roque de Santiago de Compostela. Na cerimonia, Castillo intervirá cun discurso que leva por título ‘Aproximación veterinaria á escenografía do Quixote: de como a través das andanzas do famoso fidalgo e o seu fiel escudeiro podemos obter información valiosa ao respecto, xunto con outras interesantes cousas dignas de ser contadas’. A contestación ao relatorio da nova académica será realizada polo profesor José Luís Benedito Castellote. Natural de Vigo, Cristina Castillo converterase na primeira muller de orixe galega que ingresa na Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia en calidade de membro numerario. Castillo incorporouse á docencia na Facultade de Veterinaria de Lugo no ano 1994, e desde 2001 é profesora titular da área de Medicina e Cirurxía Animal. Como investigadora ten realizadas máis de 60 publicacións en revistas incluídas no Journal Citation Reports e máis de 180 comunicacións en congresos internacionais, ademais da dirección de varias teses de doutoramento. A súa traxectoria investigadora centrouse no estudo das dismetabolías que afectan os ruminantes, con especial énfase no gando vacún, aínda que sen esquecer outras especies, coma o ovino e o cabrún. Este labor investigador levouna a actuar como avaliadora externa e como editora xefe en varias revistas de ámbito internacional. Ademais, no seu perfil docente, foi merecedora de varios premios á innovación educativa, entre os que destaca o I Premio á Innovación Docente, concedido pola USC no ano 2008.

The contents of this page were updated on 06.18.2012.