Skip to main content

Un curso de verán da USC en Lugo aborda a seguridade viaria desde unha perspectiva multidisciplinar

Un curso de verán da USC en Lugo aborda a seguridade viaria desde unha perspectiva multidisciplinar
Un curso de verán da USC en Lugo aborda a seguridade viaria desde unha perspectiva multidisciplinar
Os participantes no curso realizarán unha práctica de condución real na que se simulan as condicións visuais producidas polo consumo de alcohol

A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo é a sede escollida para desenvolver o curso de verán da USC sobre seguridade viaria, que terá lugar entre os días 17 e 19 do próximo mes de xullo. Esta actividade formativa está dirixida polo catedrático de Química Física da USC José Vázquez Tato, e da súa secretaría encárgase a profesora da Facultade de Ciencias Aida Jover Ramos. “A perda de vidas e as lesións de todo tipo derivadas dos accidentes de tráfico deben ser impulso suficiente que animen a buscar solucións para reducir e aliviar esta traxedia. A diminución observada nos últimos anos no número de vítimas mortais mostra que é posible atopar solucións que axuden a diminuír este drama. Toda actuación dirixida neste sentido é unha necesidade social ineludible. E, posiblemente, a máis importante é a concienciación dos condutores”, explica José Vázquez. Na primeira xornada o presidente da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais, José Carlos Quintas Fernández, presentará dous relatorios nos que se abordará a seguridade viaria como problema de saúde; a continuación Julio González Díez, ex-xefe provincial de Tráfico de Lugo, falará sobre os cambios que se produciron na condución en España desde a posta en marcha do carné por puntos no ano 2006. O xoves 18 de xullo comezará cunha intervención sobre o factor humano na seguridade viaria a cargo do monitor especialista Manuel Ángel Rodríguez Souto, quen será tamén o encargado de coordinar unha práctica sobre condución real na que se simulan os efectos do alcohol na visión mediante unhas lentes especiais. Pola súa parte, a avogada María Pérez Pérez abordará nunha dobre intervención as consecuencias penais das infraccións viarias. A terceira e última xornada do curso iníciase cun relatorio sobre condución preventiva por parte de Manuel Ángel Rodríguez Souto, responsable tamén de dirixir a segunda práctica sobre condución simulada baixo os efectos do alcohol. O curso complétase con dúas charlas sobre seguridade viaria asociada ao automóbil impartidas por persoal de Audi España, que participan no curso a través do concesionario lucense Autolusa. A actividade consta dun total de 15 horas lectivas, e a matrícula pode realizarse a través da páxina web da Área de Cultura da USC.

The contents of this page were updated on 06.19.2012.