Skip to main content

Preto de 200 alumnos/as de Psicoloxía comezan as prácticas con casos reais na Unidade de Atención Temperá

Traballarán de febreiro a maio con nenos con algún tipo de trastorno no desenvolvemento

Preto de 200 alumnos/as da Facultade de Psicoloxía aplicarán nos vindeiros meses na Unidade de Atención Temperá os seus coñecementos teóricos axudando á integración de nenos/as con algún tipo de trastorno no desenvolvemento. Serán 120 estudantes pertencentes á materia 'Trastornos no desenvolvemento: aspectos evolutivos e educativos' e 60 estudantes de 'Avaliación do Desenvolvemento e da Aprendizaxe' e de 'Intervención do Desenvolvemento Psicolóxico en Atención Temperá', impartidas pola profesora María José Buceta, do departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación.

Dende febreiro ata maio, realizarán as súas prácticas cos casos reais de nenos/as tratados na Unidade da Atención Temperá da USC. Aprenderán a traballar con menores que presentan diferentes patoloxías, desde trastornos do espectro autista, disfuncións cerebrais ou incluso menores que presentan algún tipo de carencias afectivas, todos eles menores de 6 anos.

A día de hoxe as prácticas xa a están realizando o alumnado do Practicum de Psicoloxía e Psicopedagoxía “dándolle así vitalidade ao sistema universitario galego”, indica a directora da Unidade de Atención Temperá, Mª José Buceta.

Baixo supervisión dos profesionais da Unidade
En todos estes casos, e na medida en que os titores consideren oportuna, os estudantes de Psicoloxía teñen a oportunidade de observar por si mesmos a intervención real co menor, sempre baixo a supervisión dos profesionais da Unidade de Atención Temperá.

Estes programas de prácticas xurdiron hai máis de dez anos, grazas á colaboración conxunta da USC e a Asociación Galega para a Docencia e Investigación no Retraso Mental (AGaDIR) que, conscientes da importancia da Atención Temperá en menores con trastornos no desenvolvemento –que afectan a máis dun 7% da poboación infantil-, decidiron colaborar para a docencia práctica nesta materia.

The contents of this page were updated on 02.01.2012.