Skip to main content

Ensinar español xogando coa fraseoloxía

Ensinar español xogando coa fraseoloxía
Ensinar español xogando coa fraseoloxía
Os Cuadernos de Español como Lengua Extranjera presentan o seu segundo volume, El español idiomático da juego

El español idiomático da juego. 150 fraseologismos con ejercicios para nivel umbral (B1) é o título do segundo volume dos Cuadernos de Español como Lengua Extranjera da USC, unha iniciativa que botou a andar en 2009 cun texto que xiraba arredor do filme ‘Todo sobre mi madre’, de Pedro Almodóvar. Cada un destes títulos canaliza actividades prácticas elaboradas polos profesionais da USC implicados no ensino do español como lingua estranxeira.

O novo volume presentárono este venres no Colexio de Fonseca o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Víctor Millet; a súa autora, a profesora do CLM Mª Losada Aldrey; e o director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco.

Xogando coas frases feitas

Este segundo caderno, incluído no catálogo do selo editorial ‘USC, editora’, ofrece de maneira innovadora unha selección de 150 fraseoloxismos presentados arredor de dez unidades temáticas. Nelas aparecen indicacións relativas ás formas canónicas, rexistros, significados, usos -ilustrados con exemplos- e información sobre a súa creación, orixe e motivación. Algúns deles aparecen acompañados de ilustracións gráficas –obra de Evaristo Corujo- que axudan a visualizar a imaxe do sentido literal da expresión e derivala ao significado figurado.

Outra importante achega do traballo son as mostras lingüísticas que serven de ilustración, procedentes todas elas de dicionarios fraseolóxicos, de consultas no Corpus de Referencia do Español Actual da Real Academia Española e de procuras en internet. Os exercicios, pola súa banda, foron deseñados tendo en conta o sentido literal e figurado dos fraseoloxismos así coma os posibles paralelismos que puideran existir entre o español e as outras linguas coñecidas polo usuario. Os apartados de solucións, glosario e referencias que pechan o volume están pensados para incidir directamente na aprendizaxe autónoma e no “aprender a aprender” ao longo da vida.

O traballo está dirixido fundamentalmente a usuarios adultos de nivel limiar (B1) e aos seus docentes, especialmente a universitarios que participan nos programas internacionais de mobilidade de educación co obxectivo de incidir de modo integral na súa formación. Concibida dende o grupo interuniversitario FRASESPAL, a iniciativa foi levada á practica nas aulas dos cursos de español do Centro de Linguas Modernas da USC para a súa pilotaxe.

Longa traxectoria
Foi no ano 1942 cando a USC organizou os primeiros Cursos para extranjeros a fin de acoller os estudantes internacionais interesados en aprender a lingua española e a súa cultura no marco universitario compostelán. Dende entón, as distintas iniciativas viñeron consolidar a presenza do ELE noutras instancias da USC abranguendo os Departamentos de Lingua Española e de Didáctica da Lingua e a Literatura e das Ciencias Sociais así como o Centro de Linguas Modernas e a Oficina de Cursos Internacionais.

Estes novos cadernos son debedores de dous fitos ineludibles na traxectoria da Universidade compostelá. O primeiro deles atinxe aos importantes traballos realizados nos anos oitenta, propiciados na súa meirande parte pola coordinación do profesor José M.ª Folgar de la Calle, vinculado moi estreitamente daquela aos Cursos de verán da USC. Trátase da Antología de textos de escritores españoles del siglo XX (1982 e 1987), Canciones populares españolas (1983 e 1987) e a Gramática española para extranjeros (1984, 1987 e 1992), títulos nos que participa un gran grupo de autores. O segundo feito decisivo na creación da colección foi a celebración en Compostela do IX Congreso Internacional da Asociación de Profesores de Español como Lengua Extranjera (ASELE) en 1998 e que deu como froito a edición de Español como lengua extranjera: enfoque comunicativo y gramática (1999), da man do profesor Tomás Jiménez Juliá.

Xa entrado o século XXI, a USC sitúase á cabeza de universidades españolas (xunto coa de Barcelona, Alcalá de Henares ou Salamanca) que senten a necesidade de abordar a realidade do ELE na educación superior dende o seu propio servizo de publicacións. Setenta años de firme traxectoria serven de garante nesta colección agora proxectada cara ao futuro de internacionalización no seu recoñecido Campus de Excelencia .

The contents of this page were updated on 02.03.2012.