Skip to main content

Continúa en Lugo o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ cun concerto de viola e piano

A intérprete de viola Inés Picado actúa o martes 17 en Lugo dentro do ciclo 'Músicas a carón da Mosqueira'
A intérprete de viola Inés Picado actúa o martes 17 en Lugo dentro do ciclo 'Músicas a carón da Mosqueira'
A viola Inés Picado Molares será a protagonista do recital, acompañada pola pianista Alicia González Permuy

A próxima cita do ciclo clásico ‘Músicas a carón da Mosqueira’ presenta un concerto no que a viola Inés Picado (acompañada ao piano por Alicia González) interpretará pezas de, entre outros, Bach, Stravinsky e Brahms. A cita é o martes 17 ás 20.00 horas na Casa do Saber. A coruñesa Inés Picado Molares (graduada con matrícula de honra polo conservatorio Superior de Música de Oviedo e logo alumna da Cátedra de Viola na Escola Superior de Música Raíña Sofía de Madrid), está considerada unha das principais figuras neste instrumento no panorama nacional, como o acreditan os recoñecementos recibidos malia a súa xuventude (23 anos) e o feito de que xa no ano 2008 debutara como da Orquestra Sinfónica de Galicia. Pola súa parte, a pianista Alicia González Permuy (Lalín, 1978), formada na Escola de Música de Barcelona e en conservatorios doutros países europeos, exerce actualmente como profesora no Conservatorio Superior de Música da Coruña, faceta que alterna coa súa actividade de pianista acompañante, pola que tamén foi galardoada en diferentes certames. ‘Músicas a carón da Mosqueira’, organizado pola área de Cultura da USC en Lugo e encadrado dentro da actividade do programa Lugo Cultural 2012, continuará no mes de maio con novas propostas. A entrada a todos os concertos deste ciclo é libre ata completar a capacidade da sala.

The contents of this page were updated on 04.16.2012.