Skip to main content

A profesora María Jesús Núñez apela ao traballo en equipo na súa toma de posesión como decana da Facultade de Enfermaría de Santiago

María Jesús Núñez logo de xurar o cargo como decana de Enfermaría
María Jesús Núñez logo de xurar o cargo como decana de Enfermaría

A profesora María Jesús Núñez Iglesias aposta pola filosofía do traballo en equipo como elemento orientador do período que agora se abre logo da súa reelección como decana da Facultade de Enfermaría. O reitor Juan Casares presidiu este venres 27 en San Xerome o acto protocolario de toma de posesión da profesora Núñez, a quen acompañarán no equipo decanal Ana Isabel Silveira como vicedecana e Carlos Fernández como secretario. O reitor da USC agradeceu a renovación do esforzo do equipo decanal de Enfermaría para seguir traballando a prol da universidade e deste centro en particular. O reitor destacou o valor desta renovación polo contexto actual definíndoo como un período difícil “con tantas causas en contra” e por “decisións políticas difíciles de comprender pola institución universitaria” dada “a falta de diálogo e consenso” que debe facer progresar o compromiso coa educación superior. Casares salientou o traballo realizado ata agora polo equipo encabezado pola profesora Núñez Iglesias por “ser quen de xestionar múltiples retos” asociados á implantación do Espazo Europeo de Educación Superior, como o paso da Escola a Facultade ou da Diplomatura a Grao. Tamén se referiu a importante colaboración da USC coa administración sanitaria galega o que fai posible que titulacións como Enfermaría poidan saír adiante. Retos para o futuro Como indicou Mª Jesús Núñez, o labor do equipo decanal continuará coa xeira iniciada hai xa tres anos arredor de tres piares, como son as diferentes aptitudes, habilidades e actitudes do persoal e alumnado; a calidade e as infraestruturas. No primeiro caso a decana sinalou como retos o desenvolvemento de proxectos de mellora por parte do Persoal de Administración e Servizos entre os que se inclúe a atención ao público en inglés, o deseño e posta en marcha de medidas de aforro enerxético adaptadas ás particularidades das instalacións ou o desenvolvemento dun plan de mellora na xestión académica e de espazos. Neste capítulo, tamén se referiu a profesora Núñez Iglesias á importancia da investigación biosanitaria en Enfermaría como titulación de Ciencias da Saúde. Neste senso, a decana considera que as actuais infraestruturas son un hándicap que incide na capacidade investigadora do único departamento con sede no centro, o de Enfermaría. Engadiu que “contar coas diferentes aptitudes, habilidades e actitudes do alumnado ten como froito o desenvolvemento do sistema de titorización, do programas de prácticas clínicas e de simulación, da posta en marcha dun coro e dun grupo de teatro”. O segundo dos piares descritos é a calidade, que orientará o labor do equipo decanal cara a “necesidade de mellorar os nosos produtos e servizos”, xa que “afrontar os novos horizontes que esixe o Espazo Europeo de Educación Superior obriga a crear e innovar”. Neste contexto e máis concretamente no proceso de ensino-aprendizaxe, María Jesús Núñez aposta pola importancia da simulación como ferramenta fundamental, o que xa propiciou a posta en marcha dun plan gradual para implantar a simulación na docencia coa colaboración do 061. Lembrou que o centro xa dispón de catro aulas de simulación básica e avanzada para Reanimación Cardiopulmonar pediátrica e de adultos, de urxencia e obstétrica. Outra liña de progreso neste mesmo senso será incentivar a formación continua como elemento fundamental. A súa intervención rematou aludindo á necesidade de mellorar as infraestruturas existentes. No seu conxunto os tres piares sinalados conforman “o noso código, e por tanto a nosa misión, os nosos valores e as nosas expectativas”. María Jesús Núñez Doutora en Medicina e Cirurxía pola USC, María Jesús Núñez (Lugo, 1962) é profesora titular dende o ano 2007, aínda que con anterioridade xa fora titular e catedrática de Escola. O seu labor investigador concéntrase no ámbito da neuroinmunofarmacoloxía. É autora de máis de 70 artigos científicos, oito libros, cinco capítulos de libro, 17 monografías e 200 comunicacións en congresos nacionais e internacionais. Dirixiu 13 teses de doutoramento, sete Traballos Academicamente Dirixidos, unha tesiña de licenciatura e 32 proxectos fin de máster. Foi investigadora en 14 proxectos de financiamento autonómico, estatal e europeo así como en contratos con empresas. A profesora Núñez suma no capítulo da produción científica dúas patentes, ademais de ter recibido sete premios internacionais e nacionais. María Jesús Núñez é membro do grupo de expertos da Agencia Nacional de Evaluación y Prospectiva (ANEP) e da ANECA, ademais de quen desempeñou cargos de xestión como a secretaría do Departamento de Enfermaría ou a dirección da Escola Universitaria de Enfermaría. Os integrantes do equipo decanal xunto cos membros do equipo de goberno da USC

The contents of this page were updated on 04.27.2012.