O alumnado de cuarto ciclo do Campus de Lugo celebra o remate do curso cunha cea de confraternidade
A asociación de estudantes de cuarto ciclo no Campus de Lugo organiza para o venres 8 unha xornada de celebración da fin de curso, logo do acto de graduación celebrado conxuntamente a semana pasada cos alumnos e alumnas composteláns desta modalidade universitaria. O acto principal será unha cea de confraternidade á que están convidados todos os docentes que deron clase neste cuarto ciclo do campus lucense, así como o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, e o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC, Francisco Durán. Na actualidade hai matriculados no cuarto ciclo da USC no Campus de Lugo un total de 189 alumnos e alumnas, dos cales 53 se inscribiron este ano por primeira vez: “Este ano batéronse todas as marcas de novos matriculados. E os que estamos non queremos deixalo; eu levo oito anos, e hainos que levan aínda máis tempo ca min, entre eles algún compañeiro que xa supera os 80 anos”, afirma Xosé Valcárcel, secretario da asociación de alumnos e alumnas de cuarto ciclo no Campus de Lugo.