‘O triángulo e o ruido’, unha proposta do artista Diego Santomé co alumnado do Máster en Arte da USC
O poder, a tensión e a memoria social son os eixos da exposición O triángulo e o ruído, de Diego Santomé (Vigo, 1966), resultado da colaboración entre o artista e o alumnado da V edición do Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC que poderá visitarse no Colexio de Fonseca do 6 ao 30 de xuño. A exposición presentarase aos medios de comunicación este mércores 6 nunha rolda de prensa a desenvolver ás 11.00 horas no Colexio de Fonseca na que participarán Diego Santomé; o coordinador do Master, Pedro de Llano; e as alumnas representantes do grupo que a comisaría, Alba Marinha e Rocío Figueroa. Xa ás 20.00 horas terá lugar a inauguración oficial. Canalizada a través dos materiais, o artista vigués propón dúas producións realizadas especificamente para os espazos onde se emprazan. Na capela gótica instálase a obra ‘Triángulo’, un triángulo negro de 7,5 metros de altura que se erixe no espazo confrontándose co seu fondo. Xa na sala artesoada atópase a peza sonora ‘Ruído’, unha selección de discursos políticos pronunciados por personaxes relevantes da vida pública galega durante as sesións parlamentarias que, manipulados polo artista, xeran unha sensación de angustia.