Skip to main content

A Aula de Produtos Lácteos de Lugo celebra o Día Internacional do Leite cunha visita escolar

Os alumnos do colexio a Milagrosa de Lugo coñeceron de primeira man o proceso de elaboración do queixo na celebración do Día Mundial do Leite na aula de Produtos Lácteos
Os alumnos do colexio a Milagrosa de Lugo coñeceron de primeira man o proceso de elaboración do queixo na celebración do Día Mundial do Leite na aula de Produtos Lácteos
Un grupo de alumnos do colexio A Milagrosa da capital lucense percorreron as instalacións do centro para coñecer o proceso de elaboración de queixos e iogures

O 1 de xuño celébrase o Día Mundial do Leite, data establecida pola FAO co propósito de incentivar o consumo dos produtos lácteos sobre todo entre a xente nova. A Aula de Produtos Lácteos da USC en Lugo sumouse a esta celebración organizando por noveno ano unha xornada de portas abertas na que participaron un grupo de 50 escolares procedentes do primeiro curso de Primaria do Colexio A Milagrosa, que puideron observar de primeira man o proceso de transformación do leite, así como os beneficios para a saúde do consumo de lácteos. Os alumnos participantes na visita tiveron ocasión de coñecer a planta piloto e a zona de talleres, onde foron convidados a probar o queixo e se lles ensinou o proceso de elaboración de diversos derivados lácteos. A visita incluíu unha charla na que se lles explicou a importancia dos produtos lácteos nunha alimentación saudable e a súa estreita relación coa saúde e a dieta equilibrada, e tamén se lles ofreceu información sobre a conservación adecuada dos alimentos. Como novidade, os alumnos participaron nunha degustación de queixo crema. Como agasallo, os rapaces e rapazas recibiron unha camiseta conmemorativa, un caderno de actividades e unha bolsa de produtos lácteos achegados polos patrocinadores da actividade, que este ano foron Casa Grande de Xanceda, Innolat, Feiraco, Alimentos Lácteos e Leite Río.

The contents of this page were updated on 06.01.2012.