Skip to main content

Tres mil especialistas de todo o mundo asistirán á reunión anual da Sociedade Europea de Ortodoncia que organiza o profesor da USC David Suárez Quintanilla

Do 18 ao 23 de xuño, Compostela será a capital europea da ortodoncia recibindo a máis de 3.000 especialistas de todo o mundo que debaterán sobre os últimos avances nesta disciplina científico-médica. O congreso anual da Asociación Europea de Ortodoncia (EOS), entidade que preside o catedrático da USC David Suárez Quintanilla e que publica a revista European Journal of Ortodontics, é o evento científico máis importante de Europa non só polo número de participantes senón tamén pola cantidade e calidade das presentacións orais e carteis, o pre e post congreso, os cursos ou as exposicións comerciais. Para o conclave deste ano no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, no que actúan como relatores varios docentes da Universidade de Santiago, seleccionáronse temas que responden á situación actual dunha especialidade que, en palabras de Suárez Quintanilla, se atopa nun período “ de notable cambio”. Presentaranse “absolutas revolucións”, dixo, e avanzou que será en Santiago onde se perciba con nitidez “o cambio de paradigma que está a experimentar a disciplina ortodóncica neste momento, sendo o seu máximo expoñente o salto definitivo do 2D ao 3D”. O tratamento baseado na evidencia, nas diagnoses cefalométricas e oclusais, o uso de mini parafusos e dispositivos de ancoraxe temporal do esqueleto, novas formas de cirurxía e novas aleacións, os cambios no deseño dos soportes e aparatos, a nanotecnoloxía, a enxeñaría xenética ou a ética da relación médico-paciente son algunhas das novas circunstancias ás que se enfrontan hoxe os especialistas. Así, as cuestións a tratar especificamente no encontro, que inaugurará o reitor Juan Casares o día 19, serán as diagnoses ortodóncicas en 3D, os microimplantes e os novos procedementos cirúrxicos. Para iso, entre as persoas participantes destaca un conxunto de dezasete persoas expertas que pronunciarán os relatorios principais chegados de Estados Unidos, Alemaña, Reino Unido, Canadá, Suíza, Israel, España, Venezuela, Corea, Italia e Finlandia. Ademais, presentaranse 800 comunicacións. Estudos comúns En torno ao congreso organízanse varias reunións científicas e profesionais, un encontro para novos ortodoncistas –coa participación do catedrático Ángel Carracedo- ademais do Teacher’s Forum, que tratará nesta ocasión de unificar os criterios de ensinanza de todos os estudos europeos en ortodoncia. Tamén a este respecto, Suárez Quintanilla anunciou que os máximos representantes das sociedades mundiais de ortodoncia que se reunirán este mes na cidade avanzarán as negociacións para crear un master común en todo o mundo.

The contents of this page were updated on 06.08.2012.