Os investigadores do proxecto TRANS-INT dan os seus primeiros pasos en Campus Vida
Cun orzamento total de 11 millóns de euros, a Comisión Europea acaba de poñer en mans de investigadores da USC o desenvolvemento ao longo dos próximos 5 anos dun candidato a nanomedicamento capaz de combater de forma efectiva a diabete. Co título ‘Novos nanomedicamentos orais: transporte de macromoléculas a través da barreira intestinal” (TRANS-INT), a catedrática María José Alonso coordina este proxecto no que participan 17 institucións que inclúen ademais de laboratorios académicos punteiros, pequenas empresas e grandes firmas farmacéuticas, entre elas a multinacional Sanofi. Esta colaboración pretende coordinar e integrar a actividade dos laboratorios máis destacados en Europa en nanotecnoloxía farmacéutica, química biolóxica, inmunoloxía, toxicoloxía, bioloxía e fisioloxía coa actividade empresarial no sector biotecnolóxico e farmacéutico O Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermedades Crónicas (CIMUS) de Campus Vida acollerá este martes 29 e o mércores 30 unha xuntanza dos investigadores das institucións que integran o proxecto, á que está prevista a asistencia do reitor Juan Casares. Neste encontro participan ademais a coordinadora do proxecto, María José Alonso; o director do CIMUS e integrante do proxecto, Carlos Diéguez; e David Brayden, en calidade de vicecoordinador da colaboración. A inauguración da xuntanza está programada para as 9.00 horas. TRANS-INT enmárcase dentro do capítulo de ‘Nanociencias, Nanotecnoloxías, Materiais e Novas Tecnoloxías de Produción’ do Programa Cooperación do VII Programa Marco. O proxecto resultou seleccionado dentro dunha convocatoria extremadamente competitiva, na que se seleccionaron unicamente dous proxectos no ámbito do desenvolvemento de novas terapias utilizando nanotecnoloxías para o transporte de macromoléculas a través de barreiras biolóxicas. A diabetes é unha das enfermidades máis devastadoras alcanzando en 2011 unha cifra que os seus estudosos consideran alarmante, xa que se teñen contabilizado 366 millóns de pacientes e causado a morte de polo menos outros 4,6 millóns de persoas. En opinión dos investigadores, estas cifras poñen de manifesto a necesidade de desenvolver novos medicamentos alternativos á insulina inxectable para combater esta doenza. Os investigadores do consorcio TRANSINT parten da base de que facendo uso das nanotecnoloxías será posible dispoñer de novos tratamentos orais capaces de reducir a incidencia e mellorar a calidade de vida dos pacientes diabéticos. Axenda do encontro
Logo do acto que presidirá o reitor, abrirase a xornada de traballo, na que a partir da presentación que María José Alonso realizará dos principais aspectos científicos e técnicos do proxecto abriranse diversas intervencións arredo rdas tecnoloxías de liberación de fármacos.