Skip to main content

A USC lidera un proxecto para inventariar a biodiversidade vexetal ameazada en Galicia e o Norte de Portugal

A USC lidera un proxecto para inventariar a biodiversidade vexetal ameazada en Galicia e o Norte de Portugal
A USC lidera un proxecto para inventariar a biodiversidade vexetal ameazada en Galicia e o Norte de Portugal
A investigación cofinánciaa o Programa de Cooperación Transfronteiriza España- Portugal (POCTEP) 2007-2013 dos Fondos FEDER da UE

Inventariar a biodiversidade vexetal transfronteiriza ameazada de Galicia e o Norte de Portugal e así definir os espazos máis importantes para a súa conservación é o propósito do proxecto BIODIV_GNP que, liderado pola USC, está co financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza España- Portugal (POCTEP ) 2007-2013 da UE. Os investigadores implicados constatan que a rexión Galicia e o Norte de Portugal acubilla un elevado número de especies endémicas e ameazadas consecuencia dunha forte degradación do medio que se intensificou nas últimas décadas, especialmente no eixo costeiro, “en parte debido á intensa humanización”. Só nesta zona supéranse as 30 especies endémicas, mentres que en Polonia existen 3 ou unha en toda Irlanda. Esta situación de ameaza común a ambos os dous lados da fronteira, unida á “descoordinación” entre os dous Estados en materia de conservación, facía “urxente” identificar e avaliar a biodiversidade vexetal ameazada, definir as prioridades de conservación e elaborar unha estratexia transfronteiriza e coordinada de xestión e de minimización de impactos, explican os científicos. Por todo isto, do proxecto agardan conseguir a identificación das especies ameazadas coa extinción, a creación dunha base de datos que permita coñecer cal é e como se distribúe esta flora, a avaliación dos actuais espazos protexidos e a proposta de novos, a actualización dos Catálogos de Especies Protexidas de Galicia e Portugal, a implicación da sociedade a través dun web colaborativo e o establecemento dunha rede transfronteiriza de roteiros ambientais de áreas vexetais importantes. BIODIV_GNP (‘Biodiversidade vexetal ameazada da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Coñecer, xestionar e implicar’) presentárona este martes o reitor da USC, Juan Casares; o profesor de Botánica da USC e xefe de fila do proxecto, Santiago Ortiz; o profesor de Bioloxía da Universidade de Porto, Francisco Barreto; Carlos Bastos Guerra, da Fundação Fernão Magalhães para o Desenvolvimento e do Instituto Politécnico de Viana do Castelo; e o xefe do servizo de Conservación da Biodiversidade da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Jesús Santamarina. Todos eles, xunto coa Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais, representantes das entidades participantes.

O proxecto conta cun investimento de 654.684,57 euros, dos que 491.013,43 euros os achega o Programa POCTEP a través de fondos FEDER da Unión Europea.

The contents of this page were updated on 05.29.2012.