Skip to main content

A Facultade de Veterinaria de Lugo pon en marcha un sistema para a avaliación da súa sostibilidade

O estudo realízase a través dunha ferramenta que ten en conta criterios ambientais, económicos e sociais e nel participan todos os colectivos do centro

A Facultade de Veterinaria de Lugo está a desenvolver unha iniciativa encamiñada a coñecer a súa sostibilidade nos ámbitos ambiental, económico e social, na que participan todos os seus colectivos (estudantes e persoal docente, de investigación e de administración), así como membros de entidades externas vinculadas á facultade. O coordinador do proxecto, o profesor da USC Urbano Fra, destaca as vantaxes desta elaboración a partir das achegas de toda a comunidade: “A comisión avaliadora conta con representantes de todos os colectivos que teñen relación coa facultade, tanto de dentro como de fóra, o que garante unha visión o máis ampla e obxectiva posible. A participación é aberta e igualitaria, e os acordos sobre o estado do centro en materia de sostibilidade realízanse sempre por consenso de todas as partes”. A medición dos criterios que se teñen en conta neste estudo realízase a través do sistema AISHE (siglas en inglés de Ferramenta para a Avaliación da Sostibilidade na Educación Superior), un programa de avaliación da sostibilidade creado especificamente para o ámbito universitario creado nos Países Baixos e en cuxo desenvolvemento participaron centros doutros países europeos, entre eles a USC. A través desta ferramenta analízanse cualitativamente un total de 30 criterios nas áreas de funcionalidade, investigación, xestión e relación con entidades externas, de modo que se pode obter unha completa panorámica da situación actual e, ao mesmo tempo, elaborar escenarios futuros cara aos que encamiñar as políticas e tarefas concretas de mellora e desenvolvemento da sostibilidade. A aplicación do sistema AISHE (que xa vai pola súa versión 2.0, logo das melloras aplicadas á ferramenta orixinal) nun centro permite incrementar a conciencia e implicación de toda a comunidade en prol da sostibilidade, así como avanzar no deseño de actuación encamiñadas ao desenvolvemento sostible. Ao mesmo tempo, realízase unha reflexión sobre os obxectivos desexables para a facultade e que faciliten o desenvolvemento de políticas e actuacións sostibles a curto e medio prazo. Este proceso de avaliación da Facultade de Veterinaria de Lugo está promovido pola Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC, desde a que anteriormente xa se puxeron en marcha proxectos similares para a Facultade de Ciencias e a Escola Politécnica Superior, as dúas localizadas tamén no campus lucense. Para este mesmo curso está prevista a implementación da ferramenta noutros edificios universitarios, como a ETS de Enxeñería ou o Colexio Maior Fonseca, en Santiago.

The contents of this page were updated on 04.11.2012.