A iniciativa ‘Na encrucillada’ organiza unha mesa redonda sobre o presente e o futuro da universidade
A iniciativa ‘Na Encrucillada. Universidade en debate’, posta en marcha por diversos colectivos de docentes, alumnos, investigadores e persoal de servizos da USC no Campus de Lugo para analizar e debater a actual situación económica nas súas distintas vertentes, organiza para o xoves 12 unha mesa redonda na que centra a mirada sobre a propia institución académica para analizar o su presente e futuro a partir da achega dos diferentes colectivos que a conforman. No debate participan o membro do Consello Social da USC, Antonio Pérez Casas; a decana da Facultade de Veterinaria, Ana Bravo del Moral; o investigador Parga Pondal José M. Castro Álvarez; e o representante do alumnado do Claustro da USC Antonio Castro Ferreiro. A mesa redonda estará moderada pola profesora do Departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria, Marta López Alonso. O encontro terá lugar no salón de actos da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo a partir das 19.00 horas. Toda a información relativa á iniciativa ‘Na encrucillada’ pode consultarse no blog http://naencrucillada.blogspot.com.