Skip to main content

A USC e COGAMI impulsarán un Centro de Estudos Universitarios da Discapacidade e a Dependencia

Juan Casares e Anxo Queiruga, no momento da sinatura en Salón de Graos de San Xerome. Foto Alfonso-Servimav USC
Juan Casares e Anxo Queiruga, no momento da sinatura en Salón de Graos de San Xerome. Foto Alfonso-Servimav USC
O reitor e o presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade asinaron un convenio marco

A USC e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) crearán un Centro de Estudos Universitarios da Discapacidade e a Dependencia no que se prestará especial atención ao estudo e análise dos labores socioasistenciais que a Confederación desenvolve nos centros de atención diúrna que actualmente xestiona. Este é un dos puntos recollidos no convenio marco asinado este martes no Salón de Graos do Colexio de San Xerome entre o reitor da USC, Juan Casares, e o presidente da de COGAMI, Anxo Queiruga, para o establecemento dun marco de actuacións conxuntas en actividades de investigación e docencia no eido da discapacidade e a dependencia. Conforme este acordo, fomentarase e facilitarase a participación activa en todas as actuacións de carácter formativo e divulgativo que no eido das competencias deste centro se realicen do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar así como do seu persoal técnico. O acordo vai promover igualmente a colaboración na realización de prácticas e na realización de actividades formativas nas propostas docentes promovidas pola USC, en particular no Máster Universitario en Administracións e Institución Públicas da Facultade de Dereito e no posgrao en Xerontoloxía, co obxecto de achegar a realidade das persoas con discapacidade ou dependencia ao eido universitario. A vixencia do acordo, iniciándose no momento da súa sinatura protocolaria, coincidirá co período de duración da actividade do Centro de Estudos Universitario da Discapacidade e a Dependencia. As colaboracións derivadas deste acordo marco desenvolveranse a través de convenios específicos, tendo en conta a natureza da colaboración e o centro onde se realice o traballo.

The contents of this page were updated on 05.15.2012.