Comezou a Semana da USC en Transición
Durante toda esta semana os Campus de Santiago e Lugo acollen diferentes actividades de carácter ambiental no marco do programa ‘USC en Transición’. Rutas botánicas, obradoiros de educación ambiental, reciclaxe de residuos, enerxías renovables, medio ambiente e saúde ou o movemento de transición, unha ampla programación que pode ser consultada na web do programa. A Semana rematará o venres coa celebración do Día Europeo da Enerxía, que conta cunha programación específica de actividades relacionadas coas enerxías renovables na Escola Técnica Superior de Enxeñaría e coa entrega dos Premios USC en Transición, un recoñecemento ao traballo realizado en grupo pola conservación do medio ambiente na USC. Os premiados deste ano son o grupo en transición Calidade do Ceo e a Bolsa de Aula Verde da Residencia Universitaria Bal y Gay de Lugo. Outros modos de vida O programa USC en Transición foi posto en marcha en 2011 pola Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC, en colaboración co Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental e a Sociedade Galega de Educación Ambiental.
O obxectivo é dinamizar a comunidade universitaria da USC para poñer en marcha procesos de transición a pequena escala que ademais de dar a coñecer outros modelos de vida máis sostibles, contribúan a reducir a pegada e a débeda ecolóxica da universidade.