Skip to main content

Unha xornada abordará a valoración económica financeira de patentes e outros resultados de investigación

Está organizado pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC

O Taller de Valoración Económica Financeira de Patentes e Outros Resultados de Investigación é unha proposta formativa de seis horas e media de duración recoñecida polo plan de formación 2012 da RedOTRI que se vai celebrar o vindeiro martes 22 no Centro de Estudos Avanzados e na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. Está dirixido a persoal técnico de Oficinas de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) de diversas universidades e organismos públicos de toda España, avogados de patentes e xestores de I+D. Organizada pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da Vicerreitoría de Investigación e Innovación, este é unha actividade coa que se pretende introducir ao persoal técnico das OTRI no ámbito da valoración, proporcionando unha visión completa das diferentes técnicas existentes para este cometido. Co programa proposto profundarase de xeito práctico nas técnicas máis aplicables á valoración de tecnoloxías, mediante a presentación de modelos en folla de cálculo especialmente deseñados para a valoración en casos de transferencia tecnolóxica. A metodoloxía para o seu desenvolvemento terá carácter expositivo no caso dos contidos teóricos e conceptuais; participativa no relacionado coa análise, discusións e achegas dos asistentes sobre os modelos de valoración presentados; e práctica na probo destes modelos. Dado o programa deseñado, para o correcto seguimento do curso son necesarios coñecementos previos de finanzas e manexo da folla de cálculo.

Tres son os relatores deste curso, o responsable da Unidade de Patentes da Universitat Autònoma de Barcelona, Xavier Sánchez Vallvé; o responsable da Área Económica Financeira de Unirisco Galicia, SCR SA e Uninvest SGECR, S.A, Santiago López González; e Alfonso Rodríguez Sandias, profesor do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da USC, así como coordinador do grupo de investigación Valoración Financiera Aplicada.

The contents of this page were updated on 05.15.2012.