Skip to main content

O libro Álvaro Cunqueiro. De santos y milagros presentará no Colexio de Fonseca obra descoñecida e inédita do escritor

A Fundación Banco Santander edita esta obra, último número da súa Colección de Obra Fundamental, de cuxa elaboración se encargou o profesor Xosé A. López Silva

O profesor e investigador do Instituto da Lingua Galega da USC Xosé A. López Silva é o responsable da antoloxía Álvaro Cunqueiro. De santos y milagros, último volume publicado pola Fundación Banco Santander na súa Colección Obra Fundamental que se presenta este mércores 23 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. O vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, presidirá a partir das 19.00 horas o acto de presentación no que tamén intervirán o director xerente da Fundación Banco Santander, Borja Baselga; o escritor Manuel Rivas; o director de Editorial Galaxia, Víctor Fernández Freixanes; e o profesor López Silva De santos y milagros é unha antoloxía que recompila unha ampla e variada serie de artigos e historias descoñecidas do escritor Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911- Vigo, 1981) que publicou en diferentes periódicos e revistas dende os inicios da Guerra Civil ata a súa morte e que ata agora no tiñan sido recollidos nun libro. Ademais, o volume presenta sete contos inéditos aparecidos entre 1945 e 1946 na revista Catolicismo, absolutamente esquecidos e descubertos en 2011 polo profesor López Silva. O volume está prologado por César Antonio Molina, quen sinala de Álvaro Cunqueiro que “se fugou da vida a través da súa literatura”.

The contents of this page were updated on 05.22.2012.