Skip to main content

Antonio Mosquera González tomou posesión como director da ETSE

O reitor felicita a Antonio Mosquera en presenza dos integrantes do equipo de dirección. Foto: Santi Alvite
O reitor felicita a Antonio Mosquera en presenza dos integrantes do equipo de dirección. Foto: Santi Alvite

O profesor do Departamento de Electrónica e Computación Antonio Mosquera González tomou posesión este venres 20 como director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, sucedendo no cargo a Juan Lema Rodicio, que ocupou a dirección dende o ano 2003. O novo equipo de dirección confórmano ademais Francisco Omil Prieto, do Departamento de Enxeñaría Química, como subdirector e Purificación Cariñena Amigo, do Departamento de Electrónica e Computación, como secretaria. A sesión protocolaria desenvolveuse no Salón de Graos de San Xerome presidida polo reitor Juan Casares. “A nosa aposta é e será sempre pola calidade” subliñou o profesor Antonio Mosquera en referencia ao camiño trazado polo seu centro na súa primeira década de vida e á súa proxección cara ao futuro, para engadir que “nun contorno con ofertas alternativas consolidadas é a única vía posible”. Xustificándoo, o novo director subliñou na dimensión docente as altas taxas de rendemento e de éxito do alumnado das titulacións da Escola, a “boa e rápida inserción laboral de titulados/as” ou o constante crecemento das enquisas de satisfacción do estudantado, aspectos que non deben facer esquecer que “aínda queda camiño por percorrer” O outro capítulo referido por Antonio Mosquera foi o da dimensión investigadora, capítulo no que a ETSE produce, en porcentaxe, “o dobre do noso tamaño como centro”. Como explicou, o traballo que se desenvolve nos dous departamentos adscritos á ETSE “nos sitúa no 20% superior no ránking de universidades españolas feito pola universidade de Granada nas disciplinas correspondentes aos nosos Departamentos” “Consciente dos tempos nos que vivimos” e aínda cando os medios materiais puideran non ser os ideais, Antonio Mosquera asegurou que “sen as persoas comprometidas e formadas non hai nada que facer” xa que “non haberá calidade docente sen profesores que poidan ter dispoñibilidade para formarse” e “non haberá calidade investigadora se renunciamos aos investigadores formados”. O profesor Mosquera rematou realizando un recoñecemento individual ao seu predecesor, o profesor Juan Lema e aos seus equipos de dirección, identificando neles “unha boa parte de responsabilidade de que a Escola de Enxeñaría sexa hoxe, ademais do centro máis novo, unha das fortalezas desta Universidade”. Na súa resposta, o reitor Juan Casares manifestou o seu convencemento de que a Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago seguirá nos vindeiros anos a ser esa locomotora da USC que foi ata agora. Sen dúbida, engadiu o reitor, o conxunto da comunidade universitaria que conforma o centro, persoal docente, de administración e servizos e estudantes fixeron posible os niveis de calidade que definen ao centro como un referencia nacional e internacional. Antonio Mosquera Profesor titular do Departamento de Electrónica e Computación, é doutor en Física pola USC e ten recoñecido o Diploma en Docencia Universitaria da USC. É autor de publicacións en diferentes campos da docencia, incluíndo algunha en congresos sobre investigación en docencia en informática e organizador de diversas actividades e congresos de innovación docente. No ámbito da investigación, leva vinte anos traballando no eido da visión por ordenador ademais de ter participado en mais de vinte proxectos e convenios, ao que se suma a publicación de vinte traballos en revistas especializadas e a súa participación en preto de cincuenta congresos da especialidade.

The contents of this page were updated on 07.20.2012.