Skip to main content

O profesor Sebastián Villasante, seleccionado polo MIT para participar como relator nun foro de loita contra a pobreza

Sebastián Villasante representará a USC no foro contra a pobreza que se celebra esta semana en Rio de Janeiro
Sebastián Villasante representará a USC no foro contra a pobreza que se celebra esta semana en Rio de Janeiro
O encontro celebrarase en Brasil e busca capacitar investigadores para conservar os recursos e reducir as desigualdades económicas nos países en desenvolvemento

O profesor da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC no Campus de Lugo Sebastián Villasante foi seleccionado por The Abdul Latif Jameel Poverty Action Lab –unha rede de profesores de todo o mundo xestionada desde o Massachusetts Institute of Technology (MIT) e creada para a redución da pobreza– para participar como relator nunha das súas actividades de formación. O curso desenvolverase na Universidade Pontifícia Católica de Rio de Janeiro (Brasil) entre os días 9 e 16 de xullo, e está dirixido á capacitación de investigadores en países en vías de desenvolvemento, para a conservación dos recursos naturais e a loita contra a pobreza. Villasante afondará na súa intervención nas relacións entre pobreza e medio ambiente, mediante a presentación dun estudo no que se demostra que a conservación da biodiversidade nos países en desenvolvemento xera maiores beneficios económicos. Beneficios do traballo cooperativo O relatorio co que o profesor Villasante participa neste encontro presenta a experiencia cooperativa dunha comunidade de pescadores en Península Valdés, na Patagonia arxentina. Logo da práctica desaparición dos recursos pesqueiros da zona (mexillón, polbo e vieira) cara ao ano 1995, debido á sobreexplotación, os pescadores desta comunidade decidiron organizarse cooperativamente para planificar as capturas e extraccións. Desde entón, e co apoio da Administración arxentina e varios grupos de investigación (entre eles o procedente da USC) a recuperación das especies é evidente, e mesmo se puxeron en marcha negocios de restauración e hostalería complementarios da actividade pesqueira, e que supoñen un importante valor engadido e un beneficio económico de grande interese. “Aínda que se trata dunha comunidade na que a precariedade non desapareceu, as vantaxes do traballo colectivo e organizado son moi claras, pois agora hai unha garantía de mantemento dos recursos que antes non existía, e as posibilidades de diversificación da actividade son moito maiores. Esta será a nosa achega ao foro de Rio de Janeiro, pois encontros coma este desenvolven un papel esencial á hora de compartir experiencias e aproveitar ideas duns proxectos para outros”, explica Sebastián Villasante.

The contents of this page were updated on 07.09.2012.