Skip to main content

O branqueo de diñeiro, a debate nun congreso en Santiago

O III Congreso ‘Prevención e represión do branqueo de diñeiro: As reformas de 2010 e a xustificación do seu castigo na sociedade da información avanzada’ desenvolverase entre o 18 e o 20 de xullo...

Os e as máis importantes especialistas de España sobre branqueo de diñeiro analizarán esta semana en Santiago as últimas reformas nesta materia e formularán propostas de mellora lexislativa “ nun momento de grave crise económica –asegura o seu coordinador, o profesor Miguel Abel– no que os fluxos de capitais delitivos ameazan con destruír as bases da nosa sociedade”. Organizado polo grupo de investigación da Área de Dereito Penal da USC, o Consello Xeral da Avogacía Española (CGAE), Garrigues, Cuatrecasas, Gonçalves Pereira e o Colexio de Avogados de Santiago, o encontro desenvolverase do 18 ao 20 de xullo neste último organismo. Numerosas conferencias O congreso, que se desenvolveu anteriormente en Málaga e Barcelona, arrancará este mércores 18 ás 9:30 horas co relatorio ‘As novas obrigas para os operadores xurídicos na Lei de prevención do branqueo de 20 de abril de 2010’ do conselleiro presidente da Comisión de Prevención de Branqueo de Capitais do CGAE, Nielson Sánchez Stewart. A continuación intervirá o avogado de Garrigues e membro da anterior comisión, José Ramón Martínez Jiménez, que falará sobre avogacía e branqueo de diñeiro. As últimas sesións da mañá, sobre o réxime sancionador en materia de branqueo de capitais e sobre as campañas mediáticas, correrán a cargo do avogado de Cuatrecasas, fiscal e maxistrado en excedencia, Santiago Milans del Bosch, e do avogado e catedrático Esteban Mestre Delgado, respectivamente. A xornada continuará pola tarde cunha intervención do catedrático de economía financeira da Universidade de Granada Juan Miguel de Cid Gómez sobre detección do branqueo e os seus efectos socioeconómicos e outra do catedrático de Dereito Administrativo da USC, Enrique Gómez-Reino Carnota, na que explicará os aspectos administrativos da Lei 10/2010 sobre prevención do branqueo de capitais e a xustificación na sociedade da información avanzada do seu incremento de deberes. As sesións do mércores completaranse coas charlas da profesora de Economía cuantitativa da USC, Mercedes Tato Rodríguez, acerca das estatísticas sobre aplicación da normativa administrativa en España ata a Lei de 2010, e do avogado Miguel Sánchez Campos sobre a responsabilidade dos auditores, asesores fiscais, promotores e axentes inmobiliarios como suxeitos obrigados na prevención do branqueo. Sesión do xoves O profesor de Dereito Penal da USC Gumersindo Guinarte Cabada iniciará os relatorios do xoves 19 con ‘A reforma de 2010 do comiso no branqueo e o seu tratamento polos medios de comunicación’, a quen lle seguirá o fiscal xefe da Audiencia Nacional, Javier-Alberto Zaragoza Aguado, que falará do branqueo imprudente e a responsabilidade criminal das persoas xurídicas segundo a reforma de 2010. Será este día cando dea comezo a sección penal do congreso, que se iniciará coa intervención de Miguel Abel Souto acerca da reforma penal española de 2010 sobre o branqueo, as novas técnicas de comisión delitiva e o uso das telecomunicacións. A continuación falará o catedrático da Universidade Pablo de Olavide Francisco Muñoz Conde sobre o dereito penal de inimigo. A xornada da tarde inclúe as conferencias do catedrático da USC José Manuel Lorenzo Salgado sobre o tipo agravado do branqueo cando os bens teñan a súa orixe no delito de tráfico de drogas; do profesor Fernando Miranda Torrado sobre o volume e evolución do delito en España; do catedrático da Universidade de Valencia José Luis González Cussac sobre o branqueo e o financiamento do terrorismo; e do director da Escola de Práctica Xurídica de Santiago, Lotario Vilaboy, que analizará os aspectos procesuais da persecución penal do branqueo. Luciano Varela O maxistrado do Tribunal Supremo Luciano Valera Castro intervirá na última xornada, a do venres 20, que tamén contará coa participación dos profesores de Dereito Penal Enrique Orts Berenguer, Juan Carlos Ferré Olivé e Miguel Ángel Núñez Paz, que explicarán en diversos relatorios o novo tipo agravado do branqueo cando os bens teñen a súa orixe en delitos urbanísticos e de corrupción. As últimas intervencións do congreso versarán sobre o castigo do autobranqueo e a responsabilidade penal do asesor xurídico. O encontro rematará o venres coa exposición de conclusións a cargo de Nielson Sánchez-Stewart e Miguel Abel Souto e a clausura oficial, ás 19:30 horas, a cargo do presidente do CGAE, Carlos Carnicer Díez, e do decano do Colexio de Avogados de Santiago, Evaristo Nogueira Pol.

The contents of this page were updated on 07.17.2012.