Skip to main content

As Leccións Xacobeas Internacionais iniciaron este xoves a súa quinta edición no Paraninfo da Universidade

De esquerda a dereita, Jose Mª Díaz, Juan Casares, José Paz e Miguel Taín. Foto: Alfonso (Servimav-USC)
De esquerda a dereita, Jose Mª Díaz, Juan Casares, José Paz e Miguel Taín. Foto: Alfonso (Servimav-USC)

As ‘ V Leccións Xacobeas Internacionais na USC. Diáspora xacobea’ comezaron este xoves a súa programación, incluída na Universidade de Verán da USC, e que se estenderá ata o vindeiro domingo 29 baixo a dirección do profesor de Historia da Arte da USC Miguel Taín Guzmán. A inauguración celebrouse no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) presidida polo reitor da USC, Juan Casares, e coa participación ademais do xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, José Paz; o deán da Catedral de Santiago, José María Díaz; e o director do curso. Asisten ademais representantes das entidades colaboradores como as asociacións galegas de Empresas e Profesionais da Conservación e Restauración de Bens Culturais ou a Profesional de Historiadores de Arte. Os relatorios serán impartidos por especialistas de institucións europeas relacionadas co xacobeo. O día 26 está dedicado ao estudo da difusión xacobea, en especial a peregrinación, a catedral e a festa do Apóstolo, mentres que a xornada do 27 tratará sobre os códices e manuscritos composteláns. A diáspora xacobea será a temática da terceira sesión do curso, que rematará o día 29 cunha ruta a pé polo tramo entre Lira e Cabo de Fisterra guiada por socios da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS). Ademais das leccións propiamente académicas, o programa contempla unha serie de actividades de índole cultural como visitas guiadas ao patrimonio xacobeo de Santiago, aos Museos da Catedral, das Peregrinacións e de Santiago e outra coa explicación das restauracións do Coro Lígneo da Catedral de Santiago e os retablos da Capela de Ánimas por parte dos seus autores. Tamén está prevista a proxección de dúas películas relacionadas coa temática do curso. O Paraninfo da Universidade foi o lugar escollido para a celebración destas Leccións Xacobeas. Foto: Alfonso (Servimav-USC)

The contents of this page were updated on 07.26.2012.