Premian ao grupo LIDSA por un estudo sobre a presenza de substancias altamente tóxicas en parques infantís
O grupo de investigación LIDSA (Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas) coordinado pola profesora Carmen García Jares acaba de ser galardoado co premio á mellor contribución científica do International Symposium on Capillary Chromatography (ISCC) por un traballo que pon de manifesto a presenza de substancias orgánicas de elevada toxicidade nos solos e pavimentos de parques infantís fabricados a partir de caucho de rodas de automóbil. Co título ‘Occurrence of PAHs and other hazardous chemicals in rubber recycled tire playgrounds’, a profesora María Llompart, do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da USC, foi a encargada de presentar o traballo do laboratorio compostelán no ISCC, considerado o máis importante simposio mundial no seu ámbito e que reuniu en Riva del Garda (Italia) a preto de 2.000 participantes que presentaron máis mil traballos de investigación Segundo apunta o traballo deste grupo da USC, entre as substancias presentes nestes pavimentos e solos de parques infantís destacan os hidrocarburos policíclicos aromáticos, algúns deles recoñecidos como substancias canceríxenas, a niveis moi elevados. Ademais, o traballo foi aceptado para a súa publicación na revista Chemosphere, de alto índice de impacto no campo da investigación medioambiental. Neste traballo colaboraron ademais o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e o grupo Enxeñaría e Xestión de Procesos e Produtos Sostibles da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC.
Este premio recoñece o alto nivel científico do grupo, cuxos membros manteñen unha larga e firme traxectoria no desenvolvemento de novos métodos analíticos baseados en técnicas analíticas sustentables para abordar problemas nos campos medioambiental, agroalimentario e de produtos de consumo.
Integrantes do Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas