Skip to main content

Semana cultural na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais comeza o luns 26 a súa Semana Cultural con actividades de diversa índole, gratuítas e abertas a toda a comunidade universitaria. O programa inaugurarase o luns ás 12.00 horas no Salón de Graos do centro nun acto no que ademais se presentarán as bases da II edición do concurso de pintura ‘CreArte na Universidade. A continuación terá lugar unha mesa redonda sobre os modelos de edición de libros en galego organizada pola Liga de Estudantes. A xornada do luns contempla ás 17.00 horas o primeiro cinefórum, dedicado nesta ocasión aos perfís para un novo liderado e no que a partir da proxección da película ‘A dama de Ferro’, de Phyllida Lloyd (2011), xurdirá un debate entre a avogada e anterior vocal de Pontevedra da Asociación Executivas de Galicia, Marta Costas Iglesias, e a catedrática de Historia Económica da USC, Mª Xosé Rodríguez Galdo. Cine e debate, o martes A seguinte sesión do Cinefórum, titulada ‘Emprender en tempos de crise’, será o martes ás 11:00 horas e nela, tras a proxección de ‘Nun mundo libre’ de Ken Loach (2007), intervirán a vogal de Pontevedra da Asociación de Executivas, Sandra Amézaga Menéndez, e a profesora do Departamento de Organización de Empresas da USC, Romina García Chas. Na tarde do martes haberá tamén un achegamento ao debate de competición organizado polo Club de Debate Universitario Compostela, que nesta ocasión tratarán o financiamento dos medios de comunicación convencionais polo Estado. Banca ética, o mércores Os modelos alternativos á banca tradicional centrarán a primeira actividade do mércores 28. Será nunha mesa redonda ás 12:30 horas no Salón de Graos na que intervirán o investigador da USC Sami Ashour, que falará da Banca islámica e o seu posicionamento no mundo financeiro; a directora da oficina de Triodos Bank en A Coruña, Tamara Lemos; o responsable do proxecto Fiare GZ, Raul Asegurado; e a integrante do Consello de Sección de Galiza de COOP57, Mar Pernas. Todos eles exporán os distintos proxectos de Banca Ética en Galicia. O terceiro cinefórum será o mércores ás 16:30 horas coa proxección do documental ‘A educación prohibida’ e no que Mª Eugenia Fernández e Carmen Fernández, de Arquetipos Consultores, falarán da aprendizaxe como ferramenta para o desenvolvemento da cultura. Rematando con creatividade O xoves 29 poderase visitar no vestíbulo do centro a exposición ‘Crise, ¿qué crise?’ de viñetas en galego sobre a crise en clave de humor. Ademais, ese día ás 19:30 horas na Aula B terá lugar a gala do concurso de vídeos ‘Tes 5 minutos...¡grávao e cóntanolo!’. A Semana Cultural rematará o venres 30 ás 12.00 horas coa conferencia ‘Ciencia, Arte, Universidad, Mercado-Economía- Empresa, Sociedade e outras cousas da vida’ a cargo do artista Paco Pestana.

The contents of this page were updated on 11.23.2012.