Skip to main content

A Universidade de Santiago homenaxea o catedrático Carlos Gómez-Reino Carnota

A Universidade de Santiago de Compostela homenaxeará este venres 30 o catedrático da área de Óptica Carlos Gómez-Reino Carnota, falecido este verán. O acto de recoñecemento presidirao o reitor Juan Casares ás 17.00 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia). Integrante do cadro de persoal docente dende hai máis de 30 anos, Carlos Gómez-Reino foi un dos impulsores da Escola de Óptica e Optometría da USC, da que sería director, ademais de ter ocupado postos de responsabilidade universitaria como vicerreitor para o Campus de Santiago na etapa de Darío Villanueva. No eido investigador era coordinador do grupo de Microóptica e Óptica GRIN. Xunto co reitor, formarán parte da mesa presidencial a decana da Facultade de Óptica e Optometría, Luz Gigirey Prieto; o decano da de Física, Luis Varela Cabo; e as profesoras Carmen Bao e Teresa Flores, compañeiras do homenaxeado no Departamento de Física Aplicada. A Santiago trasladaranse na tarde deste venres numerosos amigos e compañeiros de Gómez-Reino, que tomarán a palabra para, en breves intervencións, desgranar a súa figura académica e persoal. Deste xeito, o catedrático do Departamento de Tecnoloxía Fotónica da Politécnica de Madrid, José Antonio Martín, falará da súa relación coa Fotónica en España, mentres que a catedrática de Óptica da Complutense Luisa Calvo explicará a vinculación coa institución madrileña. O profesor Gómez-Reino e as relacións internacionais será a cuestión sobre a que diserte Amparo Pons, catedrática de Óptica da Universidade de Valencia, e José M. López, de Cantabria, falará del como científico integrador e creador de escola. O papel determinante do homenaxeado no nacemento da Facultade de Física e da Escola de Óptica na USC centrará a intervención do catedrático de Física de Partículas Carlos Pajares, mentres que Juan Martínez, secretario do Colexio de Ópticos e Optometristas de Galicia no momento da creación da Escola de óptica e Optometría da USC, explicará ás persoas asistentes como foi a súa profesión de óptico-optometrista. Pechará estas palabras o catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC e secretario da RAE, Darío Villanueva, que fará unha semblanza de cando o profesor Gómez-Reino exerceu como vicerreitor durante o seu mandato na Reitoría. O acto rematará coa intervención de Enrique Gomez-Reino, catedrático de Dereito Administrativo da USC e irmán do homenaxeado, e do reitor Juan Casares.

The contents of this page were updated on 11.29.2012.