Skip to main content

O reitor Juan Casares preside en Córdoba o plenario da Comisión Sectorial da CRUE de Internacionalización e Cooperación

Os reitores de Córdoba e Santiago de Compostela, Jose Manuel Roldán e Juan Casares, na xuntanza de CICUE
Os reitores de Córdoba e Santiago de Compostela, Jose Manuel Roldán e Juan Casares, na xuntanza de CICUE

O reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares, preside en Córdoba o plenario da Comisión Sectorial da CRUE de Internacionalización e Cooperación (CICUE). Nesta xuntanza na Universidade andaluza estanse a abordar futuros proxectos de modernización á vez que se define a estratexia de cooperación ao desenvolvemento a seguir dentro do Sistema Universitario Español. Presidida por Casares Long dende xaneiro deste ano, a CICUE ten como principal finalidade liderar e coordinar as actuacións das universidades en materia de internacionalización e cooperación ao desenvolvemento co obxecto de potenciar unha colaboración máis estreita entre elas. Na actualidade o traballo estrutúrase en tres comisións específicas de vital importancia hoxe para as universidades como son a internacionalización, a cooperación universitaria ao desenvolvemento e a mobilidade. Son tarefas desta comisión establecer liñas comúns de actuación encamiñadas a representar os intereses da comisión ante as diversas institucións, obter maiores recursos para o desenvolvemento de actividades, formular propostas e recomendacións xerais ante os organismos competentes e fomentar a internacionalización e a cooperación ao desenvolvemento. Ademais do traballo nas comisións específicas, a sesión contempla as conferencias do secretario xeral de Universidades do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Federico Morán Abad; do representante da Dirección Xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea, Luca Pirozzi; do embaixador de India en España, Sunil Lal; e do xefe do Departamento de Cooperación Universitaria e Científica da AECID, Cesar Espada. Seminario de internacionalización Xa na tarde do martes 27 ten lugar un seminario de ‘Internacionalización en casa’, concepto que engloba o conxunto de instrumentos e actividades que aínda que teñan lugar “en casa” están enfocados ao desenvolvemento internacional e intercultural do alumnado e que nun contexto de crise como o actual se fai imprescindible na estratexia das universidades. A sesión corre a cargo do experto de recoñecido prestixio internacional Jos Beelen, investigador e consultor en internacionalización curricular no Centro de Investigación Aplicada en Economía e Xestión da Universidade de Amsterdam de Ciencias Aplicadas. O Pleno da CICUE desenvólvese na Universidade de Córdoba

The contents of this page were updated on 11.26.2012.