Skip to main content

O Campus de Lugo e Amnistía Internacional únense á xornada mundial Cidades pola Vida para esixir a fin das execucións

Pancarta situada no exterior da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo
Pancarta situada no exterior da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo
Ata o 2 de decembro exhibirase unha pancarta na Vicerreitoría de Coordinación co lema 'Lugo di non á pena de morte' e recolleranse sinaturas contra as execucións

A xornada mundial de reivindicación da abolición da pena de morte Cidades pola Vida celébrase por primeira vez en Lugo grazas á colaboración entre o grupo de Amnistía Internacional nesta cidade e a Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo. Ata o día 2 de decembro estará colocada no exterior do edificio da Vicerreitoría unha pancarta co lema 'Lugo di non á pena de morte'. Durante estes días (e dentro do mesmo acordo de colaboración), desde a Vicerreitoría de Coordinación e Planificación tamén se promove a recollida de sinaturas en todos os centros do Campus de Lugo contra a pena de morte nos estados nos que aínda segue vixente. A campaña centrarase no caso de Siti Zainab, unha muller condenada a morte en 1999 en Arabia Saudita, un país no que se vulneran sistematicamente os acordos internacionais de dereitos humanos e garantías xurídicas, e no que aínda se empregan métodos de execución como a decapitación. Unha iniciativa global A xornada de Cidades pola Vida celébrase dende o ano 2002 o día 30 de novembro, aniversario da primeira abolición da pena de morte, que se produciu no Gran Ducado de Toscana en 1786. En torno a esa data, cidades e vilas de todo o mundo iluminan ou exhiben lemas en edificios públicos ou outros lugares representativos da localidade, en sinal de afirmación do valor da vida e de oposición á pena de morte. En 2011 participaron máis de 1.400 cidades como Roma, Nápoles, Bruxelas, Madrid, Ottawa, Berlín, Barcelona, Florencia, Venecia, Cidade de México, Buenos Aires, San José, Austin ou Amberes. Co impulso de Amnistía Internacional, cada ano distintas cidades españolas participan tamén nesta xornada iluminando algún edificio significativo ou instalando algunha pancarta alusiva, como a Casa Museo Casares Quiroga da Coruña, o Congreso dos Deputados en Madrid ou o Teatro Campoamor de Oviedo. De novo este ano monumentos e lugares simbólicos de todo o mundo iluminaranse e exhibiran lemas para formar unha ampla fronte moral para esixir que se paren as execucións.

The contents of this page were updated on 11.26.2012.