Skip to main content

Unha guía recolle e cataloga a inmensa riqueza botánica do Campus de Lugo

De esquerda a dereita, Jose Ramón Gómez Besteiro, Juan Casares e Antonio Rigueiro, durante a presentación da guía
De esquerda a dereita, Jose Ramón Gómez Besteiro, Juan Casares e Antonio Rigueiro, durante a presentación da guía
Na obra, editada pola USC e a Deputación de Lugo, propóñense dous roteiros coa localización das 232 especies inventariadas nas 34 hectáreas do recinto universitario

O Campus de Lugo acolleu o acto de presentación da publicación Ruta botánica por el campus de Lugo. Reserva de la Biosfera "Terras do Miño", coeditado pola USC e a Deputación Provincial de Lugo, e da que son autores os investigadores da USC Antonio Rigueiro Rodríguez, Manuel Antonio Rodríguez Guitián María Isabel Iglesias Díaz e Javier Pereira-Espinel Plata. Nesta presentación interviñeron tamén o reitor da USC, Juan Casares Long, e o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro. O acto incluíu unha breve camiñada por unha zona do Campus (partindo desde o edificio do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural) para coñecer de primeira man, seguindo as explicacións dos autores, algunhas especies leñosas catalogadas no estudo que deu orixe a esta obra, entre as que destacan exemplares de carballo común e americano, piñeiro, castiñeiro, cedro, salgueiro ou magnolia, xunto a outras máis exóticas como a drácena, a árbore de Xúpiter, a budleia ou a escalonia, ata un total de 232 taxones repartidos en 49 familias, 101 xéneros, 149 especies e 8 híbridos. A obra inclúe ademais dous roteiros que marcan o percorrido que as persoas interesadas poden realizar polo campus coa localización de cada unha das especies recollidas no volume. Na súa intervención Juan Casares amosou a súa satisfacción pola publicación deste volume, "que serve para poñer en valor unha riqueza natural da que non sempre somos conscientes debido á súa proximidade", e destacou o feito de que o campus lucense "que acolle as titulacións de ciencias agroforestais e gandeiras da institución, se encontre inserido na reserva da biosfera Terras do Miño". Así mesmo, Casares agradeceu "a sensibilidade e o apoio da Deputación de Lugo, que asumiu xenerosamente a edición desta obra e coa que colaboramos de xeito permanente nas actividades e proxectos deste campus". Pola súa parte, Gómez Besteiro salientou "o valor científico e didáctico deste traballo, que nos permite ver o campus desde unha perspectiva completamente distinta á do día a día", e que levou á institución que preside "a contribuír na medida das nosas posibilidade a difundir e dar a coñecer o patrimonio natural da provincia, mediante o financiamento e a produción técnica da obra". Besteiro aproveitou para lembrar "o importante patrimonio natural desta provincial, con espazos coma os Ancares ou Terras de Burón, ademais das Terras do Miño, da que agora se fai o décimo aniversario desde a súa designación como reserva da biosfera". Antonio Rigueiro puxo de relevo no seu relatorio a ampla variedade de especies leñosas que se concentran no campus lucense, "moitas delas mesmo anteriores ao propio campus, como as carballeiras que aínda se poden ver ou os soutos que tamén se conservan en parte" e informou de que está previsto solicitar a inclusión dalgúns dos exemplares no rexistro de árbores e formacións senlleiras de Galicia. Rigueiro recordou que o catálogo a partir do que se elaborou esta guía estará en breve a disposición dos usuarios interesados a través da páxina web da USC. Os labores previos á elaboración desta guía comezaron no curso 2010-11, cando a Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade da USC (a través do Plan de Desenvolvemento Sostible), considerou necesario realizar o estudo e catalogación da flora nas aproximadamente 34 hectáreas que abrangue o Campus de Lugo, como xa se fixera con anterioridade do Campus de Santiago, co obxectivo de poñer en valor o patrimonio natural da USC. Imaxe xeral dos asistentes ao acto de presentación do volume Juan Casares (centro), acompañado dos representantes institucionais da Deputación Provincial de Lugo

The contents of this page were updated on 11.07.2012.