Unha xornada técnica na Facultade de Ciencias analiza as responsabilidades en materia de prevención de riscos laborais
O martes 6 o Salón de Actos da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo será a sede para a celebración da xornada técnica 'Responsabilidades en materia de prevención de riscos laborais', organizada pola USC e a aseguradora Mutua Universal. Ademais destas dúas entidades, colaboran tamén no encontro o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), a Inspección de Traballo e Seguridade Social e a Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais. O programa desenvólvese de 11.30 a 14.00 horas, cunha primeira intervención a cargo de Francisco Javier López Borrazás, director territorial de Mutua Universal. A continuación Cristina Faraldo, profesora do máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental da USC falará sobre a responsabilidade penal en materia de prevención de riscos laborais, mentres que Nicolás González, xefe de Inspección de Traballo e Seguridade Social de Lugo, desenvolverá o relatorio 'Responsabilidade administrativa en materia de prevención de riscos laborais. Criterios de Inspección de Traballo'. A última intervención da xornada correrá a cargo da xerenta da USC, Lourdes Batán Aira, e estará centrada nas responsabilidades en prevencións de riscos laborais dentro desta institución educativa. A propia Lourdes Batán será a encargada de proceder á clausura dunhas xornadas que estarán moderadas polo decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos.