Unha tese de doutoramento da USC alerta do preocupante incremento de intoxicacións por alcohol en menores

No 61% dos casos das persoas atendidas por intoxicación aguda entre 2005 e 2008 no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) foi o alcohol o axente tóxico causante, cun preocupante incremento en pacientes de 6 a 15 anos. A valoración faina José Carlos de Miguel Bouzas, que para a súa tese de doutoramento realizou un estudo epidemiolóxico de campo nese hospital baixo a dirección das profesoras Ana María Bermejo e María Jesús Tabernero. Neses catro anos atendéronse por intoxicación no CHOP 1.893 pacientes (o 0,51% sobre o total de urxencias), a maioría homes e cunha idade media entre os 35 e os 17 anos. O estudo comprobou que os axentes tóxicos máis frecuentes foron as drogas de abuso (o 70,4%) e sobre todo o alcohol, presente no 61% dos casos e frecuentemente asociado ao sexo masculino e a un elevado grado de dependencia (ao alcoholismo canto maior idade do paciente). Ademais, as drogas ilegais que produciron un maior número de urxencias foron a cocaína e o cannabis, cun 8,7% e un 8,4% do total. O estudo comprobou tamén que as intoxicacións nas que están implicados medicamentos (33,1%) se asocian en maior medida ao sexo feminino e están causadas nun 73,2% dos casos por benzodiacepinas. Intencionalidade recreativa A maior parte das persoas tratadas tiñan unha intencionalidade recreativa ou por dependencia (ambas asociadas ao sexo masculino), e no 18,8% dos casos había motivos suicidas, normalmente asociados ás mulleres e ás intoxicacións medicamentosas. De Miguel comprobou ademais que existen antecedentes psiquiátricos no 42,6% dos pacientes estudados e alcoholismo no 25,8%. Por outra banda, o 38,9% eran reincidentes e o 37,8% estaban a tratamento con psicofármacos. A maioría dos pacientes tratados no CHOP procedían dos concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Sanxenxo e Vilaboa; sendo maioritarias neste último as intoxicacións etílicas, en Poio as intoxicacións por drogas ilegais e en Sanxenxo as medicamentosas. José Carlos de Miguel recibiu a máxima cualificación pola súa tese ‘Estudo epidemiolóxico das intoxicacións agudas atendidas no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) entre os anos 2005 e 2008’ que defendeu en Medicina.