Skip to main content

Sete comedores da USC en Santiago ofrecen menús aptos para persoas celíacas

Sete comedores da USC en Santiago ofrecen menús aptos para persoas celíacas
Sete comedores da USC en Santiago ofrecen menús aptos para persoas celíacas

Son xa sete os centros da Universidade de Santiago que a partir deste curso ofrecen nos seus comedores menús aptos para persoas celíacas. Polo de agora ofrécense na Residencia Universitaria Burgo das Nacións, no Colexio Maior Rodríguez Cadarso, no Club Universitario SEU e nos comedores das Facultades de Matemáticas, Económicas, Medicina e Ciencias da Comunicación, todos eles debidamente identificados dende o exterior. Trátase dun paso máis no compromiso da Universidade compostelá coa sociedade e neste caso cun colectivo que se atopa diariamente con serias dificultades para comer en establecementos hostaleiros. A única maneira de conseguir a súa recuperación tanto clínica como funcional é no inxerir alimentos que conteñan glute. Este novo servizo á cidadanía é posible grazas á colaboración da Asociación de Celíacos de Galicia, encargada do asesoramento e de ofrecer ao persoal laboral dos comedores a información necesaria sobre a dieta sen glute, os produtos, como elaboralos e, moi importante, como manipulalos para evitar a contaminación. Pola súa banda, as persoas responsables da elaboración dos menús nos centros universitarios deberán seguir o protocolo da ‘Guía de boas prácticas para unha dieta sen glute’ entregada pola asociación. ACEGA A Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA) naceu en 1998 co obxectivo de representar a un colectivo social galego que padece intolerancia permanente ao glute (celíacos ou outro tipo de enfermidades asociadas como Dermatite Herpetiforme) e ter así unha garantía na súa alimentación, o que implica de forma directa unha mellora na súa saúde.

The contents of this page were updated on 11.07.2012.