As facultades de Ciencias conmemorarán a festividade do seu patrón San Alberte Magno cun acto académico este venres
As facultades de Matemáticas, Bioloxía, Ciencias, Física e Química celebrarán este venres 16 a festividade do seu patrón San Alberte Magno nun acto conxunto que presidirá o reitor compostelán Juan Casares na Facultade de Física a partir das 12.00 horas. Ademais, esa sesión integra a programación do Ano Antonio Casares, ciclo homenaxe a este científico. Dentro desta mesma programación e ao longo de toda a semana, os centros implicados acolleron un ciclo de conferencias nos que se repasou a vinculación do homenaxeado coas respectivas facultades.
Á cerimonia académica asistirán as decanas e decanos das facultades de Física, Química, Bioloxía, Matemáticas e Ciencias, os profesores Luis Miguel Varela Cabo, Ramón Estévez Cabanas, Mª Luz González Caamaño, Mª Victoria Otero Espinar e José M. Martínez Ageitos, respectivamente. O catedrático Carlos Pajares, do Departamento de Física de Partículas, pronunciará a lección maxistral da xornada, unha conferencia que leva por título ‘Evolución da Física no último século e medio (revolucións e sorpresas)’. A continuación e en representación dos centros tomará a palabra o profesor Luis Varela Cabo.