Skip to main content

O Servizo de Normalización Lingüística da USC presenta en Lugo o seu vocabulario de termos do ámbito forestal

De esquerda a dereita, Manuel Núñez Singala, Mario Outeiro, Pedro García Herradón, Javier Bueno e Antonio Rigueiro, durante a presentación do  do Servizo de Normalización Lingüística da USC
De esquerda a dereita, Manuel Núñez Singala, Mario Outeiro, Pedro García Herradón, Javier Bueno e Antonio Rigueiro, durante a presentación do do Servizo de Normalización Lingüística da USC
O libro recolle máis de 2.400 conceptos en galego, castelán e inglés relacionados co monte, os seus elementos, produtos, actividades e usos

O Servizo de Normalización Lingüística da USC presentou o sexto volume da súa colección ‘ Vocabularios temáticos’, dedicado nesta ocasión ao ámbito forestal e que recolle máis de 2.400 termos en galego, castelán e inglés. No acto de presentación da publicación, celebrado na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior, participaron o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o responsable da Área de Cultura, Turismo e Normalización Lingüística da Deputación Provincial de Lugo, Mario Outeiro; o director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno; o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala; e Antonio Rigueiro, un dos autores da obra. Conceptos asociados ao medio físico, á flora e fauna, aos labores tradicionais, ás actividades máis recentes (e á maquinaria que nelas se emprega) ou aos produtos resultantes destas tarefas, ás unidades de medición ou á economía e o dereito forestal forman parte do libro Vocabulario forestal (galego – español – inglés) , a recompilación máis ampla realizada ata o de agora en lingua galega. Máis de tres anos de traballo Na súa intervención, Antonio Rigueiro cualificou o labor desenvolvido como unha “humilde achega a un dos grandes valores da nosa cultura, como é a lingua”, e manifestou o seu desexo de que sexa “unha ferramenta útil para estudantes, profesores e todos os colectivos vinculados dun ou doutro xeito a este sector”. O grupo de profesores que participou na elaboración deste vocabulario comezou os seus traballos no ano 2009. Pola súa parte Manuel Núñez Singala presentou a obra “como unha proba máis do compromiso da USC coa nosa lingua, a través do servizo dun servizo de normalización no que, ademais das tarefas habituais de asesoramento, formación e dinamización, tamén se desenvolve un importante valor terminolóxico no ámbito técnico e científico, algo ao noso entender esencial para o asentamento dunha lingua”. O director da EPS, Javier Bueno, quen tamén participou no equipo de traballo deste vocabulario nos seus comezos (antes de asumir a dirección da Escola), destacou a importancia de “ unificar os termos técnicos entre as diferentes linguas, sobre todo nestes tempos de globalización e de traballo conxunto entre grupos de diferentes partes do mundo”, e puxo como exemplo desta tendencia cara á formación deslocalizada e o intercambio a chegada á Escola Politécnica de Lugo dun grupo de 80 alumnos brasileiros que cursarán alí os seus estudos durante todo este ano. Finalmente, Pedro García Herradón agradeceu a implicación dos profesores que participaron na elaboración do vocabulario, “un esforzo que non goza do recoñecemento que debera”, e salientou o “ apoio permanente” da Deputación de Lugo, colaboradora neste proxecto. O representante da institución provincial, Mario Outeiro, asegurou que non tivo dúbida da decisión do seu departamento “á hora de apoiar a publicación dunha obra deste tipo, algo que se bota moi en falta no mundo técnico, e que no caso concreto da provincia de Lugo, tan vinculada ao sector forestal, tiñamos a obriga de facilitar na medida das nosas posibilidades”. Ademais de Antonio Rigueiro, os autores do libro son os profesores e investigadores da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo José Javier Santiago Freijanes, Pablo Vila Lameiro e Juan José Villarino (este último recentemente xubilado), baixo a coordinación do responsable do Servizo de Normalización Lingüística da USC no Campus de Lugo, Xusto A. Rodríguez Río. Este sexto volume da colección ‘Vocabularios temáticos’ dá continuidade a un proxecto que xa achegou recompilacións terminolóxicas nas disciplinas de Historia, Matemáticas, Química, Veterinaria e Medicina.

The contents of this page were updated on 11.17.2023.