Skip to main content

Comeza este martes en Santiago un curso de verán sobre novas contribucións en materia de avellentamento

O curso de verán da USC Avellentamento e curso vital. Novas contribucións desde os campos demográfico, biomédico, económico e cultural reúne esta semana os principais expertos e expertas neste ámbito. O encontro terá lugar no Centro de Estudos Avanzados (CEA) dirixido pola catedrática de Historia e Institucións Económicas da USC e directora do propio CEA, María Xosé Rodríguez Galdo. Este martes 4 a actividade, que se inaugura ás 10.00 horas, comeza cunha conferencia de María Xosé Rodríguez Galdo sobre avellentamento, cambio demográfico e proceso de modernización socioeconómica, á que seguirá outro relatorio centrado na relación entre estatística e curso vital, neste caso a cargo do profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC Eduardo Pis Sánchez. A demografía galega en perspectiva biomédica será o tema da intervención de Luciano Vidán, xefe do Servizo de Hospitalización a Domicilio do CHUAC e presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña. A xornada remata cunha charla sobre proxeccións de poboación e contorno socioeconómico do profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC José María Rioboo. O mércores 5 a xornada ábrese coa conferencia 'A eficiencia do modelo demográfico galego' de Fausto Dopico Gutiérrez del Arroyo, profesor do Departamento de Historia e Institucións Económicas da USC. A continuación Mª Pilar Freire, profesora deste mesmo departamento, disertará sobre a relación entre familia, avellentamento e curso vital. A sesión de mañá complétase cun relatorio sobre a dialéctica entre a prolongación da esperanza de vida e os custos financeiros, a cargo de Abel Losada, tamén do Departamento de Historia e Institucións Económicas. Universidade de Vigo. A tarde resérvase para o desenvolvemento dunha mesa redonda sobre vellez e arte na que tomarán parte Rosa María Regueiro Ferreira, da Universidade da Coruña (como moderadora), Diego Diz (licenciado en Historia da Arte), Montserrat Pis (guía do museo Reina Sofía) e Ramón Baltar (profesor do Departamento de Latín e Grego da USC). A xornada do 6 de setembro comeza coa conferencia 'Aspectos neurolóxicos do avellentamento', a cargo de Carlos Acuña Castroviejo, profesor do Departamento de Fisioloxía da USC, á que seguirá outra sobre os aspectos biolóxicos do avellentamento, impartida por Mª Carmen Segura, profesora do Departamento de Ciencias Morfolóxicas da USC.A programación desta penúltima continúa co relatorio 'Aspectos psicolóxicos do avellentamento', de Marta Ramos Goicoa, profesora do Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da USC. Dous relatorios máis completan a actividade do día 6: 'Políticas públicas e avellentamento: a singularidade de Costa Rica', da investigadora en formación da USC Lilliam Chinchilla Gamboa, e 'Avellentamento activo e novas tecnoloxías', de Luis Gago González, profesor do Departamento de Métodos Cuantitativos para a Economía e a Empresa da USC. A última xornada do curso, o día 7 de setembro, está reservada para a presentación dos resultados do proxecto 'Doadores de tempo. Unha valoración en perspectiva de xénero do traballo de coidados e da achega ao benestar por parte das persoas lonxevas', de Xosé Cordero Torrón, profesor do Departamento de Historia e Institucións Económicas da USC.

The contents of this page were updated on 09.03.2012.