Skip to main content

Comezan a traballar nunha rede de microrreservas de flora segundo o modelo de custodia do territorio

O profrsor Santiago Ortiz, no centro, acompañado de membros do Departamento de Botánica da USC e da Asociación Galega de Custodia do Territorio
O profrsor Santiago Ortiz, no centro, acompañado de membros do Departamento de Botánica da USC e da Asociación Galega de Custodia do Territorio
Un grupo do Departamento de Botánica da USC lidera un proxecto europeo para inventariar a biodiversidade vexetal transfronteiriza ameazada de Galicia e o Norte de Portugal

O grupo de investigación Biodiversidade e Conservación de Plantas Vasculares do Departamento de Botánica da USC que dirixe o profesor Santiago Ortiz e a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) comezarán a traballar conxuntamente no inventariado da biodiversidade vexetal transfronteiriza ameazada de Galicia e o Norte de Portugal. Trátase de desenvolver unha rede de microrreservas de flora segundo o modelo de custodia do territorio. A iniciativa enmárcase no Proxecto Europeo de Cooperación Internacional BIODIV_GNP (Biodiversidade Vexetal Ameazada Galicia-Norte de Portugal. Coñecer, xestionar e implicar) orientado a promover a conservación en común da flora ameazada e no que participan investigadores e institucións de ambos os lados da raia, entre elas varias fundacións e universidades así como a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellaría de Medio Ambiente. Cunha inversión de 654.684,57 euros, o BIODIV_GNP está cofinanciado con 491.013,43 euros polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 a través de fondos FEDER da Unión Europea. Custodia privada respectuosa co medio A AGCT leva varios anos promovendo a xestión respectuosa de espazos de interese ambiental, establecendo acordos cos propietarios ou procurando o arrendamento ou mesmo a adquisición dos terreos. No proxecto BIODIV_GNP identificaranse aqueles lugares de maior importancia para a flora en perigo de extinción da zona e realizarase unha proposta de espazos que deberían gozar dalgún tipo de protección, en harmonía cos usos tradicionais. O desenvolvemento da rede de microrreservas será levado a cabo pola asociación segundo o modelo de custodia privada. As microrreservas serán pequenas porcións de territorio con presenza significativa de especies en perigo e/ou de interese e con boa calidade de hábitat, sendo obxecto de medidas de conservación específicas definidas en común polos investigadores da USC e a AGCT. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza, institución competente en materia de biodiversidade, avalará que as actividades a realizar sexan congruentes coa normativa vixente de conservación da natureza. A experiencia da AGCT será contrastada coa de organizacións interesadas na custodia do territorio no norte de Portugal co obxectivo de crear unha rede galego-portuguesa de pequenos espazos de titularidade non gobernamental, nos que ademais da conservación directa, terá un papel importante a divulgación entre as comunidades locais da importancia de conservar a biodiversidade común actualmente en perigo.

The contents of this page were updated on 10.30.2012.