Os maiores especialistas mundiais en fisioloxía dos moluscos danse cita en Santiago nun congreso organizado pola USC
O congreso Physiomar 12 reúne desde este mércores e ata o 8 de setembro en Compostela os maiores especialistas mundiais en fisioloxía dos moluscos. Neste congreso, organizado conxuntamente pola USC, o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (pertencente ao CSIC) e o Centro de Investigacións Mariñas da Xunta de Galicia (CIMA), participan máis de 120 persoas procedentes de 25 países. A inauguración oficial tivo lugar na Facultade de Bioloxía coa presenza do reitor da USC, Juan Casares; a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana; e representantes das tres entidades organizadoras. Segundo Luz Pérez-Parallé, do Instituto de Acuicultura da USC e membro do comité organizador, “ este encontro servirá de foro para a comunicación dos últimos avances en todos os aspectos relacionados coa fisioloxía dos moluscos; persoal investigador, estudantado, produtores e produtoras de moluscos e profesionais do sector dispoñen así dun espazo para o intercambio, a cooperación e a colaboración no ámbito dos moluscos mariños, para entender mellor a súa capacidade de adaptación a un contorno cambiante, a súa importancia ecolóxica e o fomento da produción sostible”. Nesta edición o congreso Physiomar estará centrado en cuestións como reprodución, nutrición, toxicidade, biomoléculas e biomateriais, xenética e xenómica ou resposta inmune. O encontro configúrase a partir de sesións centradas en cada un destes aspectos e nas que se presentarán máis de 60 relatorios.
O congreso continúa coa xeira iniciada en novembro de 2006 en La Paz (México), e que tivo a súa continuidade en Physiomar08, celebrada en Brest (Francia), e Physiomar10, que se desenvolveu no Québec (Canadá).
Asisten ao encontro 120 especialistas de 25 países