Skip to main content

As matemáticas, elemento innovador da innovación na industria

Arranca o taller de problemas industriais para proporcionar solucións matemáticas innovadoras ás empresas participantes

O Taller de Problemas Industriais (TPI) é unha proposta dos grupos de Matemática Aplicada das tres universidades galegas posta en marcha a través do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) e que conta coa colaboración da Rede Española Matemática-Industria (Red math-in). O taller de Problemas Industriais xorde ante a necesidade de conformar un espazo de traballo altamente especializado que xere solucións innovadoras a problemas empresariais e industriais en calquera sector, xa sexa público, privado ou social. Inaugurado o pasado 11 de setembro, prolongará a súa actividade ata o 22 de xullo de 2013. As sesións do taller, que conta co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, poden seguirse de forma presencial, por videoconferencia ou a través da sala virtual de ITMATI. A misión é estimular a relación entre a matemática e a industria, achegando necesidades industriais reais aos expertos en tecnoloxía matemática participantes, e promovendo e facilitando a interacción entre o mundo académico e o industrial. Os seus obxectivos son a divulgación da capacidade da tecnoloxía matemática e da experiencia acumulada nos grupos de investigación e centros tecnolóxicos, a busca de solucións como un elemento innovador para a empresa, a renovación das liñas de investigación de acordo coas necesidades e a actualización dos currículos de máster no ámbito da matemática industrial. Trátase de que as empresas participantes, persoal investigador e estudantado experimenten conxuntamente a resolución do seu problema dunha forma abordable e próxima. Ademais, coa participación dos distintos axentes foméntase a implicación das empresas co persoal máis novo a través de prácticas nas empresas e ponse en coñecemento do profesorado de distintos niveis educativos aplicacións reais e actuais. As solucións que se formularán neste Taller de Problemas Industriais baséanse no desenvolvemento de modelos matemáticos axeitados para cada caso, de métodos numéricos para a súa resolución e no uso de tecnoloxías de simulación para o deseño e o control de produtos e procesos industriais. Na industria, estas ferramentas de CAD (deseño asistido por ordenador) e CAE (enxeñaría asistida por ordenador) permiten reducir os custos do prototipado, a experimentación en laboratorio, e os prazos de saída ao mercado de novos produtos.

Os participantes xa inscritos, que formulan problemas nesta edición, son Vicus Desarrollos Tecnológicos, Endesa, Abengoa, Instituto Español de Oceanografía (IEO), Instituto Tecnológico de Aragón, CIDAUT, Partenón, Instituto de Investigaciones Marinas (IIM), GMV, Ikerlan S. Coop, ITAV, CTAG e EFACEC. Todas estas empresas e centros tecnolóxicos representan aos diferentes sectores do tecido industrial español, co que se pon en evidencia o potencial da utilización da tecnoloxía matemática como un elemento clave na innovación que dinamice a economía española.

The contents of this page were updated on 09.14.2012.