Skip to main content

A Escola Politécnica Superior de Lugo pon en marcha o novo máster en Produción de Leite

De esquerda a dereita, Xan Rodríguez Diz, Xosé Turnes, Javier Bueno, César Resch, José María Calo e Javier González-Palencia, durante a presentación do máster en Produción de Leite da USC
De esquerda a dereita, Xan Rodríguez Diz, Xosé Turnes, Javier Bueno, César Resch, José María Calo e Javier González-Palencia, durante a presentación do máster en Produción de Leite da USC
Este posgrao, o único existente en Galicia centrado na formación de profesionais para o sector lácteo, cubriu na súa primeira edición as 15 prazas ofertadas

A Escola Politécnica Superior da USC no Campus de Lugo acolleu a presentación oficial do máster en Produción de Leite. Trátase da primeira edición deste posgrao propio que, segundo os seus organizadores "vén cubrir un oco no sistema universitario de Galicia, carente na actualidade de estudos específicos destinados á produción de leite, e responde á demanda de técnicos cualificados nun sector, o do leite en Galicia, cada vez máis dinámico, profesional e competitivo". A oferta formativa do curso estrutúrase desde unha perspectiva multidisciplinar e componse de 50 créditos, dos que 25 se corresponden cos contidos teóricas e os outros 25 co traballo de final de máster e unhas prácticas obrigatorias. As materias abranguen aspectos como produción de forraxes, morfoloxía e fisioloxía de vaca de leite, alimentación, instalacións gandeiras, calidade do produto, organización do traballo ou economía aplicada á produción de leite. Máis 40 docentes, entre investigadores, docentes universitarios e técnicos de empresas privadas, serán os encargados de achegar os contidos do curso. Nesta primeira edición cubríronse as 15 prazas ofertadas, e as clases darán comezo o xoves 18 nas instalacións do LIGAL no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (A Coruña). Acto de presentación No acto inaugural, celebrado na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, participaron un dos coordinadores do máster, César Resch; o director da Escola, Javier Bueno; o director do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), Javier González-Palencia; o presidente da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, José María Calo; o xerente de Leyma Central Lechera, Xan Rodríguez Diz; e o director de Progando, Xosé Turnes. César Resch definiu o máster como "unha achega desde o ámbito académico a un dos principais sectores da economía galega, motor económico dalgunhas comarcas e grazas ao cal se mantén a poboación en moitas áreas rurais". Para Resch, "a produción de leite é un proceso moi complexo, no que é preciso dispoñer de coñecementos de moitos ámbitos; a tecnificación cada vez maior deste sector precisaba dunha resposta deste tipo desde o ámbito educativo, e esta é a ferramenta que pode axudar a cubrir esta demanda". O coordinador do máster destacou tamén a variedade do alumnado do posgrao, "con estudantes acabados de titular e outros con máis de vinte anos de experiencia no sector, procedentes de diferentes carreiras e con representación de varias comunidades españolas ademais de Galicia". Javier Lema agradeceu o esforzo dos coordinadores do máster "nunha escola como a Politécnica, que ofrece unha ducia de titulacións entre graos e posgraos, algo imposible de asumir se non fose pola implicación dos responsables de cada unha das especialidades". Bueno amosou tamén a súa satisfacción "porque coa posta en marcha deste posgrao dáse resposta a unha vella demanda dos nosos estudantes" e puxo de relevo a implicacións no curso de entidades públicas e privadas representativas de todas as áreas do sector, "desde empresas de transformación, análise ou servizos a cooperativas e institucións oficiais, ademais da propia universidade". Javier González-Palencia amosou a "total dispoñibilidade" do LIGAL para colaborar neste proxecto desde que tiveron coñecemento da súa xestación, "non só como sede do curso, senón tamén como posibilidade de dar a coñecer o noso labor e como transmisores de cara aos futuros profesionais do sector dos nosos coñecementos en materia de calidade do leite, o noso ámbito de traballo". José María Calo salientou "a importancia de que a universidade poña en marcha accións deste tipo, porque os gandeiros diriximos a nosa actividade en función das recomendacións, programas e servizos deseñados polos técnicos, e canto mellor sexa a súa formación, máis eficaz e rendible será o traballo nas explotacións leiteiras". Pola súa banda, Xan Rodríguez Diz reiterou a necesidade do sector dunha iniciativa deste tipo: "Xa era hora de que se puxese en marcha un máster coma este, sobre todo nun sector do que parece que só saen noticias negativas e que semella estar permanentemente en crise". Rodríguez Diz asegurou que o sector lácteo "ten un magnífico futuro por diante, con enormes perspectivas de crecemento nas próximas décadas, e Galicia goza dunhas condicións óptimas para dar resposta a esta demanda crecente, sobre todo se dispoñemos dos profesionais axeitados para dinamizar e potenciar o sector". Finalmente, Xosé Turnes amosou a súa convicción en que o sector lácteo galego "vai saír adiante": "Xa superamos unha reconversión, que puido facerse mellor, non cabe dúbida, pero da que saímos fortalecidos e dimensionados, e a achega de profesionais especializados que garante a posta en marcha deste máster é un paso máis na boa dirección".

The contents of this page were updated on 10.17.2012.