Skip to main content

Un ciclo de conferencias no Paraninfo homenaxeará o profesor Juan José Moralejo

Organízano a USC e a Real Sociedade Económica de Amigos do País da Cidade de Santiago

A USC e a Real Sociedade Económica de Amigos do País da Cidade de Santiago (RSEAPS) organizan en outubro e novembro o ciclo de conferencias ‘Á sombra de Minerva’, unha homenaxe ao catedrático de Lingua e Literatura Gregas da USC Juan José Moralejo Álvarez finado o pasado mes de maio. O ciclo comezará o vindeiro 10 de outubro con Ramón Villares Paz que falará da Real Sociedade Económica de Santiago na Galicia do século XIX. Unha semana máis tarde intervirá José Manuel García Iglesias coa conferencia ‘Desde o Paraninfo compostelán. A Universidade e a Real Sociedade Económica de Amigos do País’. Xa o 24 de outubro o profesor José Manuel López Vázquez disertará sobre ‘José María Fenollera, un pintor e un mestre para a Compostela de entre séculos’. Para o mes de novembro están previstas dúas conferencias. O día 7 será a quenda de Enrique Fernández Castiñeiras con ‘Juan José Cancela del Río. Os inicios dunha escola compostelá de pintura no século XIX’ e o 14 o decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Juan Manuel Monterroso Montero, intervirá con ‘Tradición e modernidade. A emblemática como soporte da memoria e o progreso nas RSEAP. Todas as conferencias, con entrada libre, celebraranse no Paraninfo da USC (Facultade de Xeografía e Historia) ás 20:00 horas.

The contents of this page were updated on 10.05.2012.