Investigadores galegos e portugueses en Ciencias da Educación organizan o III Congreso Ibérico sobre Fenda Dixital
Docentes de Ciencias da Educación da USC coordinan o III Congreso Ibérico sobre Fenda Dixital que en novembro analizará coa participación de estudosos galegos e portugueses o estado actual das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións en contextos escolares así como no desenvolvemento local. É unha iniciativa impulsada por Nova Escola Galega que se celebrará en Póvoa de Varzim os días 23 e 24 de novembro. Coa súa celebración búscase crear un espazo de encontro entre os profesionais de Galiza e de Portugal que permita alimentar un debate arredor das TIC e a educación, avaliando as actividades que neste sentido se teñan executado no contexto galego e portugués. Esta análise prestará atención aos retos, particularidades territoriais que a aplicación da tecnoloxía supón á hora de implantarse no espazo educativo. Educadores de infancia e profesores de todos os niveis de ensinom educadores sociais, pedagogos, psicólogos, psicopedagogos, asistentes sociais, así como estudantes galegos e portugueses de Ciencias da Educación, investigadores e xestores locais e autonómicos con competencias neste ámbito son algúns dos principais destinatarios do congreso. Para acadar máis información, as persoas interesadas dispoñen de máis información na web do congreso.