Skip to main content

Ampla oferta deportiva da USC, que prevé incrementar o número de participantes

A oferta presentárona o vicerreitor Francisco Durán e a subdirectora da Área de Deportes Maribel Fraga
A oferta presentárona o vicerreitor Francisco Durán e a subdirectora da Área de Deportes Maribel Fraga

Preto de 37.000 metros cadrados para a práctica libre, competicións e numerosas escolas conforman a oferta deportiva da Universidade de Santiago, que ano tras ano suma máis usuarios. Así o explicaron esta mañá en rolda de prensa o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, e a subdirectora da Área de Deportes da USC, Maribel Fraga, que cifraron en 12.000 a media anual de persoas participantes, a maior parte (un 70%) da comunidade universitaria pero tamén da cidadanía en xeral. Neste curso, e coa matrícula aínda aberta na maioría das actividades, hai xa 6.000 persoas inscritas, polo que prevén incrementar as cifras de anos pasados. A oferta deportiva da USC busca, explicou o vicerreitor, “unha mellora da calidade de vida pero tamén de transmisión de valores, unha dimensión importantísima no ámbito educativo”. Proba diso, dixo, é que a práctica deportiva pode convalidarse por créditos académicos. Escolas deportivas Son en total vinte e oito as escolas deportivas que ofrece a USC. Desde as relacionadas coa natureza con rutas por Galicia e por Compostela ata as de natación para todos os públicos, terapéutica, de aqua-gym ou matronatación pasando por actividades de relaxación como ioga, tai-chi e pilates. A USC conta tamén con escolas de actividades de acondicionamento e competición como areobic e step, atletismo, bailes de salón e latinos, esgrima, judo, karate, kung-fu, mantemento, mellora da condición física, iniciación á danza, taekwondo, tenis, tiro con arco, baile en liña, ximnasia terapéutica e xadrez. Práctica Libre No que respecta á práctica libre –á que se accede con entradas puntuais, bonos ou reservas- as persoas usuarias dispoñen dunha piscina cuberta de 25 metros con seis canles, catro pistas de tenis ao aire libre e un campo de hoquei-herba. Ademais, a USC conta cun pavillón polideportivo para practicar balonmán, fútbol-sala, voleibol, baloncesto reducido e bádminton. Quen desexe xogar ao fútbol pode facelo no campo de 11 ou nos dous transversais de fútbol 7, e quen queira practicar atletismo dispón dunha pista regulamentaria de 400 metros e oito carreiros ademais de zonas de saltos e lanzamentos e corredores interiores de adestramento. Por último, a USC conta con salas de acondicionamento físico equipadas con máquinas de exercicio cardiovascular e musculación, salas de artes marciais con tatami regulamentario, espazo de xadrez e varias salas de usos múltiples. Deporte de competición Ademais de todo o mencionado, a USC ofrece a posibilidade de participar en diversos campionatos galegos e de España universitarios, en ligas universitarias de fútbol (en todas as modalidades), baloncesto, balonmán, voleibol, rugby e hoquei herba. Por outra banda, e a maiores de poder adestrar en deportes colectivos, a comunidade universitaria pode formar parte do Club USC nas seccións de atletismo, judo, karate, natación, orientación, taekwondo, tenis, xadrez, fútbol veterano e actividades subacuáticas.

The contents of this page were updated on 10.11.2012.